Entrevista | Xoán Xosé Castaño Alcalde electo de Catoira

“Nós queremos mirar cara adiante e gobernar para todos”

O alcaldable nacionalista Xoán Castaño nun acto de campaña /cedida

O alcaldable nacionalista Xoán Castaño nun acto de campaña /cedida

O BNG acadou nestes comicios seis concelleiros, o dobre que nas municipais de 2019. Esperaban conseguir unha maioría absoluta?

Para ser honesto, tiñamos moi boas expectativas. Non falo só da campaña, senón xa antes. Con todo, quixemos ser moi prudentes á hora de trasladar esta mensaxe. O que queríamos deixarlle claro aos veciños é que para gobernar sen ataduras necesitabamos unha maioría absoluta en Catoira

Foi un ano de récords no que a participación se refire, xa que acudiron a votar a los comicios el 81,09% de los vecinos. Cree que isto é reflexo de que se precisaba un cambio?

Eu creo que hai que estar na mobilización e o BNG estivo ao lado da veciñanza sempre. No ano que estivemos no goberno, entre os anos 2019 e 2020 e con tan só tres concelleiros, demostramos que podíamos levar a cabo un cambio no municipio. A xente parece que gardou ese recordo e fixo nestas eleccións un voto moi consciente.

Tras as anteriores eleccións vostede gobernou case un ano, dimitindo antes de que PP e PSOE levasen a cabo unha moción de censura conxunta . Espera que se poida chegar a acordos agora ou que haxa unha boa relación?

Nós imos mirar cara diante: o que queremos é gobernar para todos os veciños, independentemente do que votaran. Non queremos ver cara atrás, terán que mirar atrás os demais. No PSOE, Alberto García dixo que ía seguir despois do pau que levaron, alá eles o que queiran facer. O PP tamén terá que analizar os resultados que obtiveron.

Na campaña sinalou en numerosas ocacións que paralizar a pirotecnia de Dimo era un dos seus obxectivos. Cal vai ser o primeiro paso cando chegue ao consistorio?

Aínda que estamos un pouco á espera do que poida pasar nas eleccións xerais, o primeiro que imos facer é solicitar unha reunión coa subdelegada do Goberno en Pontevedra, na que tamén quero que estén presentes os representantes da plataforma, para así poder analizar polo miúdo o expediente e ver como é posible que se pida un permiso para todo isto a 400 metros das casas. Isto foi unha engano ao que alguén ten que respostar. Eu farei todo o que sexa posible para desmontar o proxecto e todas as mentiras.

Catoira é unha localidade cun gran valor patrimonial. Neste eido van tomar medidas para fomentar o turismo na vila?

As Torres de Oeste teñen un gran potencial, pero Catoira ten tamén outros puntos de interese. Sen ir máis lonxe, contamos con tres tipos de muíños. Gustaríanos moito facer visitas guiadas por eles e atraer excursións, sobre todo de colexios e institutos para que coñezan a vila e o que hai nela.

Teñen denunciado falta de servizos na vila, especialmente nas parroquias. Cales son as medidas máis urxentes no social e no económico?

Aquí a xente ten que estar sempre no centro, hai que poñer as parroquias no centro. Hai que levar o subministro de agua a todos os rincóns para que a xente poida levar a súa vida tendo todos os servizos asegurados. Despois, no eido económico, aquí hai un parque empresarial cunha ubicación que non é a axeitada, o que fai moi difícil poder atraer empresas. Nós queremos crear un suelo empresarial que sexa útil e que teña boas comunicacións.

A Deputación de Pontevedra previsiblemente estará liderada polo Partido Popular. Que esperan da relación coa institución provincial?

Aínda que vaia cambiar de signo político, nós temos esperanza de que todo se siga tratando de xeito democrático e correcto, como se fixo nestes anos. Ata o de agora sempre sabíamos cal ía ser o reparto para os concellos, e esperamos que se trate a todos por igualmente independentemente do partido.