Vai de Auga permitiu a corenta maiores de O Pino desfrutar dos beneficios dos balnearios

Maiores de O Pino que participaron  no Vai de Auga/ Aliquam

Maiores de O Pino que participaron no Vai de Auga/ Aliquam / s.e

A concelleira de Cultura, Eva Varela, despediu este mércores aos maiores do Pino que este ano desfrutaron do programa Vai de Auga. A iniciativa do Concello permitiu nesta nova edición que corenta veciños e veciñas do municipio acudisen ao Acquaform para gozar ata cinco sesións nas augas termais no balneario de Cuntis.

Todos os mércores, entre o 3 de maio ata este 7 de xuño, a veciñanza do Pino puido beneficiarse deste programa que une as vantaxes terapéuticas das augas termais coa oportunidade de estreitar lazos e socializar. Así o reafirmaban os participantes, que subliñaban as virtudes das sesións no balneario para moitas das súas doenzas, e que lles serviu de pulo cara unha vida máis activa. “Eu estou operada dunha cadeira, teño unha prótese, e non facía exercicio. Agora as augas quentes estanme a axudar moito, podo moverme e estou feliz”, afirmaba unha usuarias.

O Concello do Pino sufragou o autobús ata o Acquaform e as persoas participantes aboaron 70 euros polas cinco sesións que desfrutaron.