O alumnado do IES Fernando Blanco de Cee demostrou os seus coñecementos na Olimpíada Cultural

O equipo gañador foi o de Os Colegas // Os Fenómenos e Os Malagueños completaron o podio

Alumnos participantes na Olimpíada cos autoridades, patrocinadores, profesores e a directora do centro

Alumnos participantes na Olimpíada cos autoridades, patrocinadores, profesores e a directora do centro / IES F. B.

Redacción

O IES Fernando Blanco, de Cee, acolleu a gran final da XII Olimpíada Cultural O Saber ten premio, na que competiron tres equipos: Os Colegas, Os Fenómenos e Os Malgueños. A proba foi seguida polo alumnado, as súas familias, o profesorado e os patrocinadores que a fan posible. Tamén se sumaron ao acto a inspectora de Educación, Magdalena Duarte, e a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez Fernández, quen felicitou a todo o alumnado do centro "polo seu interese en ampliar os seus coñecementos, por facelo traballando en equipo e mesmo atrevéndose a facer unha exposición pública dos mesmos". 

O xornalista corcubionés Fran Hermida exerceu de mestre de cerimonias dunha final que constou de tres probas. Na primeira parte, os tres equipos tiveron que contestar a 20 preguntas extraídas ao chou entre máis de 1.000 elaboradas por todo o profesorado do centro e de todas as materias e ensinanzas que se imparten no IES Fernando Blanco, mediante un programa informático, clasificándose para a seguinte Os Colegas e Os Fenómenos.

 A segunda parte consistiu nun debate sobre o tema Influencer: Realmente é unha profesión?, na que os dous finalistas defenderon posturas opostas, Os Colegas a favor de que influencer é unha profesión e debe ser regulada e Os Fenómenos en contra. Esta parte foi xulgada por un xurado composto por tres profesores e profesoras do centro. 

Finalmente, o primeiro premio de 600 € correspondeulle ao equipo Os Colegas, integrado por Daniela Alves Estévez de 2º Bacharelato, Camilo Rodríguez Espasandín de 1º Bacharelato, Elián Estévez Moure de 1º CS de Administración e Finanzas, Mateo Buschmann Bella e Mateo Alves Estévez de 4º da ESO. O galardón foi entregado por Justo Trillo Lado, representante de Xeal.

O segundo, de 400 € foi para Os Fenómenos, formado por Candela Vázquez Martínez de 2º Bacharelato, Uxío Nemiña Formoso de 1º Bacharelato, Brais Canosa Lestón de 2º da ESO, Claudia Manchado Valín de 2º da ESO e Jonathan West Haya de la Torre de 1º CM de Xestión administrativa. O premio foi entregado por Mélani Lois Barcia, que representaba a Gerca.

E o terceiro galardón, dotado con 300 € levárono Os Malagueños, equipo composto por Marta Vérez Pequeño de 2º Bacharelato, Adriana Castiñeira Iglesias de 2º Bacharelato, Rubén Trillo Piñeiro de 1º CM de Matemento Electromecánico, David Santabaya Paz de 4º da ESO e Lucía Canosa Lestón de 2º da ESO. Fixo entrega do premio Severo Roget Romero, en representación de Ferretería Roget.

Durante o desenvolvemento da gala proxectouse o vídeo elaborado polo alumnado e profesorado de 1º CM Xestión administrativa, que obtivo o 1º premio no concurso do 25 N contra a violencia contra a muller, así como vídeos sobre as actividades realizadas durante o curso. Tamén se fixo entrega dos premios do XVI Concurso de microrrelatos.