O IES Ramón Caamaño de Muxía ofrecerá un ciclo de FP Básica Dual de cociña e restauración

Muxía acollerá o primeiro ciclo de cociña e restauración da Costa da Morte

Muxía acollerá o primeiro ciclo de cociña e restauración da Costa da Morte / Concello de Muxía

Redacción

O IES Ramón Caamaño de Muxía ampliará a súa oferta educativa para o vindeiro curso 2023/24, coa implantación da FP Básica Dual de cociña e restauración. As empresas do sector turístico e hostaleiro da Costa da Morte levan anos demandando esta formación, que consideran vital para profesionalizar o sector e cubrir a crecente demanda de persoal cualificado, segundo informa Pilar Mirón, directora do instituto muxián.

Os negocios hostaleiros de Muxía, Camariñas, Fisterra e Cee colaborarán estreitamente formando ao alumnado na propia empresa entre os meses de marzo e agosto, complementando así o período previo de formación no centro educativo.

Poderán acceder a este ciclo básico os rapaces de entre 16 e 20 anos que non obtiveron o título da ESO nin ningunha outra titulación.

O período de matrícula comezará o 26 de xuño e rematará o 6 de xullo, ámbolos dous incluídos.