Teatro para tecer unidade en Carballo: 32 edición do FIOT
Participarán figuras e compañías de referencia da escena actual como Javier Gutiérrez, Luis Bermejo, Juan Cavestany, Kulumka Teatro e Diego Anido

Maruxa Suárez, esda,, Alberto Sueiro, Evencio Ferrero e Laura Tova, na presentación / vanessa rábase
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) regresará ás salas, rúas e espazos singulares de Carballo para celebrar a súa 32 edición do 28 de setembro ao 31 de outubro, da man de figuras e formacións de referencia da escena actual como Javier Gutiérrez, Luis Bermejo, Juan Cavestany, Kulunka Teatro e Diego Anido, entre outras. A ilustradora carballesa Laura Tova firma o cartel deste #32FIOT que acaba de presentarse, cunha ilustración que mostra unha aperta colectiva para avanzar a filosofía do encontro de artes escénicas de referencia de Galicia nesta nova edición: a loita contra a intransixencia a través de personaxes que representan a empatía, o agarimo, o afecto... e que se funden nun abrazo diverso no que a cultura e Carballo son tamén protagonistas.
O FIOT traerá a Galicia espectáculos como El traje, escrita e dirixida por Juan Cavestany, con Javier Gutiérrez e Luis Bermejo como protagonistas; Forever, estrea en Galicia da nova creación de Kulunka Teatro, unha das compañías máis celebradas do teatro contemporáneo español e internacional; e O deus do pop, que supón o regreso do performer galego Diego Anido ás táboas do FIOT.
Dentro das novidades, destaca o acordo con RTVE, que este 2023 convértese no medio oficial do FIOT, o que supón a gravación e emisión de programas de referencia do eido cultural desde Carballo.
O Dubra Café (novo espazo colaborador) acolleu este martes a presentación nun acto que contou coa participación do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o director do FIOT, Alberto Sueiro; a concelleira de Cultura e Festas, Maruxa Suárez; e a ilustradora carballesa Laura Tova.

Javier Gutiérrez e Luis Bermejo presentarán ‘El traje’ / FIOT / J. M. rAMOS
O director, Alberto Sueiro puxo en valor a celebración dunha nova edición do FIOT, unha cita escénica que leva a singularidade no seu ADN. Tamén destacou a vontade de crecemento e de continúa evolución e mellora, en consonancia coa atención e o coidado dos seus públicos diversos. “Froito desta vontade -dixo- é este avance informativo a comezos do verán, para facilitar o acceso ao festival a todas as persoas que desexen vir ao FIOT e que deste xeito poderán planificar as súas axendas coa antelación necesaria, ao estilo das grandes citas escénicas e culturais do estado”.
Sueiro explicou que este ano o festival “quixo vestirse de longo e darlle un valor engadido ao seu cartel, tratándoo como una peza artística en si mesma, firmada por una ilustradora recoñecida de orixe carballés, Laura Tova”. Apuntou ademais que “a vontade do festival é abrirse e poñer en valor as diferentes manifestacións artísticas, entre elas, a ilustración, que ten un peso moi importante en Carballo, coa súa canteira de artistas de interesante proxección”. A colaboración de Laura Tova, “cristaliza a aposta do festival pola transversalidade e a converxencia entre as diferentes artes, o feminismo, o apoio ao talento emerxente, a inclusión e o impulso da creación local”, concluíu.

Kulunka Teatro estreará en Galicia 'Forever' / FIOT / J. M. rAMOS
O leitvmotiv do FIOT 2023 será a loita contra a intransixencia. Ese Intransixentes plasmado no cartel fala da identidade do festival, da súa inquietude, transixencia, transformación, xenerosidade, cambio, respecto, afectos, coidados, empatía, tolerancia, diálogo, inclusión e defensa da diversidade persoal e cultural. Alberto Sueiro avanzou que “todo isto é o que transmitirán os espectáculos e tamén o que trata de reflectir o abrazo colectivo que protagoniza o cartel que presentamos”.
Pola súa banda, a ilustradora Laura Tova, explicou as claves da súa proposta. “No meu proceso creativo, a imaxe sempre nace da palabra. O que fai que as persoas nos coidemos e respectemos unhas ás outras son a empatía, o agarimo, o afecto... co cal busquei representar estas emocións en forma de diferentes personaxes e compoñer con elas un tetris de abrazos e coidados. Ademais, busquei xogar con esa ambiguedade de que non se sabe se son personaxes imaxinarias ou persoas disfrazadas, nunha sorte de xogo entre a realidade e o mundo imaxinativo que tan ben plasma o teatro”.
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliñou que o FIOT é “unha cita pioneira que cumpre 32 anos tras ser recoñecido pola Fundación Contemporánea como a iniciativa cultural máis destacada de Galicia en 2022”.
Expresou ademais, ao igual que a concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, a vontade do Concello de continuar apoiando a creación escénica a través do festival porque é “un proxecto consolidado, con proxección e de futuro”. A edil subliñou que o compromiso non só se traducirá no seu impulso, en termos de exhibición, senón tamén de produción e acompañamento artístico”.
- Una discoteca gallega se cuela entre las mejores del mundo: 'El local insignia de Galicia
- Un centenar de personas recorren la ruta que seguirán los tráileres para evitar el transporte y procesado de inertes en Teo
- Demasiado mayor para ascender, pero no para trabajar: una gallega denuncia ante la ONU un caso de edadismo en la función pública
- El paseo de pasarelas junto al mar más bonito de Galicia está a una hora de Santiago: 'Solo escuchas las olas
- SG Monte do Gozo, la empresa que facilita vacaciones a los ganaderos gallegos: 'En el campo también hay sueldos de médico
- Vuelven a Santiago las quedadas para leer en silencio que arrasaron en 2025
- Playmobil y el Día del Circo convierten Área Central en el gran plan familiar del fin de semana
- El Obradoiro, sin piedad con el Ourense en el derbi