A biblioteca coas mellores vistas do mundo volveu abrir as súas portas na praia de Razo (Carballo) para que, por terceiro ano consecutivo, ademais de tomar o sol, practicar surf, bañarse ou xogar ao voleibol, os usuarios do areal teñan ao seu alcance os últimos éxitos literarios e un punto de información cultural xestionado polo persoal das bibliotecas municipais.
A Praia dos Libros empezou a funcionar este luns, e ata alí achegáronse o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, e a técnica de Normalización Lingüística, Carmen Pereiro, que aproveitaron para presentar, xunto co persoal da bibliopraia, un novo número do caderno de pasatempos A píllara das dunas, elaborado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e editado polo Concello de Carballo.
Ángeles Pacoret lembrou que é “o único caderno de pasatempos en lingua galega que se oferta desde a administración local”, pero engadiu outra singularidade da revista, xa que se suma á celebración do Ano do Xestal “aproveitando que, no seu momento, compartiron o mesmo espazo vital. Quen sabe se as píllaras daquel tempo escoitaron a Carlos Díaz cantando Apaga o candil ou contando os seus tan coñecidos contos!” Este ano, engadiu a concelleira, a ave e o artista van da man e conversan ao longo de 39 páxinas cheas de pasatempos como sopas de letras con palabras de textos do Xestal, labirintos cos camiños da súa vida, semellanzas e diferenzas, sudokus, encrucillados, partidas de barcos e series de números para todas as idades”.
O caderno de pasatempos está a disposición de todas as persoas que se acheguen ás praias. É gratuíto e pódese na recoller Praia dos Libros ou nos postos de salvamento.
Paralelamente, en Razo desenvolveranse actividades culturais e medioambientais, como a proxección do documental Take every wave: la vida de Laird Hamiltton (12 de xullo ás 22.30 horas), un espectáculo do Mago Antón ( día 27), cine (9 de agosto) e unha sesión de contos con Paco Nogueiras (24 de agosto).