Case trinta mulleres artesás galegas aliáronse para impulsar as súas marcas emprendedoras e, ó mesmo tempo, colaborar con proxectos que contribúen a dar emprego a mulleres víctimas de malos tratos. Cociñeiras, redeiras, ceramistas, deseñadoras ou palilleiras van desembarcar este domingo día 16 en Rianxo no marco dun proxecto itinerante denominado Un mercado en cada porto, do que forman parte avoas, fillas e netas.
Trátase dunha iniciativa organizada por ONyVÁ! para axudar a impulsar marcas emprendedoras, lideradas por mulleres artesás da nosa terra e colaborar con outros proxectos que axudan a darlle emprego a mulleres víctimas de violencia machista, como Apotheca.
A cita rianxeira será o domingo na alameda, dende o mediodía ata as oito da tarde, e participarán vinte e unha artesás. As seguintes paradas xa confirmadas serán na localidade sonense de Portosín (os días 22 e 23 de xullo); Club Náutico de San Vicente do Mar (12 e 13 de agosto); e Fisterra e A Coruña (a finais de agosto).
Conservas e galletas artesás, complementos, bixutería, moda surfeira, complementos estivais, fotografía vintage ou complementos para cativos son só algúns dos artigos e produtos que se poderán atopar neste mercado de artesanía e creatividade.
Un mercado en cada porto é un percorrido que comeza por destacar o labor das nosas antecesoras artesás ata o traballo que fan as xeracións actuais. É voltar ás raíces e poñer en valor o gran traballo que fixeron as nosas avoas e bisavoas, así como a transformación que lle están a dar as xeracións máis novas dentro da artesanía e cultura.
O mercado leva integrada unha exposición fotográfica das artesás máis tradicionais, entre elas as redeiras da illa de Corme, as sancosmeiras de Trenzarte ou os encaixes de Camariñas, entre moitas outras.
Nas dúas edicións anteriores, este mercado percorreu doce portos galegos, nos que se instalaron un total de 165 postos de artesanía que foron visitados por 21.000 persoas, según explican dende a organización.