'Boas vibras', a iniciativa musical terapéutica con arpa para cativos do CHUS

Un grupo de arpistas visitan os nenos do hospital cada mes para aproveitar os beneficios da música na saúde e acompañar aos pequenos

A iniciativa parte da Asociación Noia Harp Fest e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago

Unha das nenas durante unha das visitas do grupo de arpistas

Unha das nenas durante unha das visitas do grupo de arpistas / Cedida

Redacción

É ben sabido que a música pode ser unha ferramenta máis para aplicar na medicina. Este é precisamente o punto de partida do proxecto 'Boas vibras. Arpistas pola saúde', unha colaboración entre a Asociación Noia Harp Fest -impulsora do festival homónimo, que se celebrará en Noia do 3 ao 6 de agosto- e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).

'Boas vibras. Arpistas pola saúde' é un programa piloto que pretende favorecer a presenza da música de arpa nos centros hospitalarios, en concreto na área de Pediatría do Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS).

A intención é acompañar a mellora da humanización na asistencia aos pacientes, "así como o aproveitamento dos beneficios que supón esta práctica para a saúde, estudados e analizados noutras experiencias similares realizadas en diversas partes do mundo", asegura Rodrigo Romaní, director de Boas Vibras e do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia.

“Levamos dez sesións e aínda que sexa o inicio e quede moito por avanzar, cremos que a experiencia está a resultar moi positiva tanto para os pacientes como para o persoal sanitario e os propios artistas”, apunta.

Beneficios da música

"Os beneficios da música, e en particular da arpa, na saúde dos pacientes pediátricos son múltiples", sinala o doutor Federico Martinón, xefe de pediatría do CHUS. "Pode axudar a reducir a ansiedade e o estrés, mellorar o estado de ánimo, proporcionar unha distracción da dor e o malestar, e mesmo pode mellorar o sono. Estamos entusiasmados de incorporar este tipo de terapia innovadora e sen medicación no noso hospital".

O proxecto piloto promoverá a investigación, estudando o impacto da música nos nenos hospitalizados para poder apoiar a súa implementación con datos cuantitativos e cualitativos sólidos. Nun mundo cada vez máis consciente do valor da atención integral e humanizada, esta iniciativa representa un paso adiante significativo na atención dos máis pequenos.

Esta experiencia está controlada polo persoal sanitario. Case todas as semanas, arpistas da asociación visitan aos pacientes de xeito voluntario e solidario, establecendo unha comunicación sonora baseada na personalización da música que se interpreta, centrada na adaptación ás características e situación de cada persoa, primando tamén a improvisación musical para chegar a provocar cambios positivos e observables na súa evolución.