As vilas de Corcubión e Camariñas emprenderon este venres unha viaxe no tempo que se alongará toda a fin de semana para rememorar a época medieval e varios dos fitos que marcaron a súa historia.

Na capital corcubionesa o Mercado Medieval abriu as súas portas ao mediodía coincidindo co recibimento a unha delegación da vila irlandesa de Ashbourne, irmandada con Corcubión desde 2017. O alcalde, Francisco Javier Domínguez, presidiu a recepción, un acto aberto á veciñanza no que os irmáns de Irlanda deron a coñecer os valores e recursos da súa localidade. A música púxoa o grupo Duin.

A fina choiva non foi impedimento para que, un ano máis, veciños e visitantes gozasen na praia doutro espectacular desembarco das tropas do arcebispo Rodrigo de Luna, que protagonizaron unha dura loita contra os cabaleiros dos condes de Altamira, rememorando así un feito histórico acontecido en 1457.

Un enfrontamento que dará paso a unha fin de semana na que as rúas de Corcubión serán tomadas por novas exhibicións de loitas, pasarrúas musicais e teatrais, espectáculos de cetrería e de lume, desfiles históricos e persoeiros como bufóns de terras lonxanas, feiticeiros e mesmo a pecadora Inquisición. Quenes se acheguen ao casco histórico corcubionés poderán compartir experiencias tamén con carpinteiros, albardeiros e artesáns da pedra e gozar de exposicións de manuscritos e ata dun campamento militar. Non faltan tampouco os carruseis e os xogos.

De animar as rúas encargaranse os grupos musicais Cantometrics, Gaelco, Dakka Nakhil e Alvorada.

E en Camariñas comezou tamén unha nova edición de O Encaixe no Camiño, outra cita coa Historia que transformou as principais rúas e o paseo marítimo nun gran mercado medieval. “Temos inscritos 52 postos e, aínda que a choiva e o vento obrigaron a retrasar a apertura, xa está todo en marcha e xa hai moito ambiente en Camariñas”, afirmou Olga Campos, presidenta da Asociación de Empresarios e de Promoción Turística, entidade organizadora.

Na capital do Vilán un dos actos centrais será este sábado, cando se recreará o Desembarco do rei Alfonxo IX, programado para o mediodía. Un acto que rememora a viaxe que fixo por distintos puntos de Costa da Morte o monarca no ano 1228.

O domingo, a partir das 09.30, a veciñanza acompañará á comitiva real ata Cereixo (Vimianzo), facendo paradas con representacións teatrais en Xaviña. E pola tarde, a partir das 18.30 horas, os camariñáns volverán ao porto para recibir á dama italiana que, segundo conta a lenda, recalou en Camariñas logo de naufragar o barco no que viaxaba. Como recompensa pola axuda recibida ensinou ás mulleres da vila a palillar. Haberá tamén desfile de moda.