O centro de saúde de Noia acolle ata o catro de setembro a exposición Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido, coa que a Federación Galega de Dano Cerebral achega, a través da fotografía, o día a día das persoas con esta discapacidade. A colección de imaxes, realizadas polo fotógrafo compostelán Aigi Boga, está protagonizada polas persoas usuarias de Adaceco, Adace Lugo, Alento, DCA Ourense e Sarela, e amosan a súa vida cotiá, as actividades que realizan ou a súa convivencia, é dicir, a vida despois dun ictus, un traumatismo cranioencefálico ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido. Ademais, a mostra compleméntase cunha serie de curtas audiovisuais que contan con diferentes testemuños de persoas con dano cerebral, familiares e profesionais das entidades. Son un total de sete vídeos, cunha peza principal e seis máis pequenas, que crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas, etc.