O Parque de San Roque de Ribeira foi escollido este ano para a celebración do X Día das Galegas nas Letras, que homenaxeou a vida e obra da escritora Aurora Marco. E, do mesmo xeito, dende a capital do Barbanza veñen de recibir aos rapaces saharahuís que van pasar unhas semanas no municipio

Respecto do Día das Galegas nas Letras, hai que lembrar que é un evento anual organizado pola plataforma de crítica literaria A Sega que honra a mulleres que contribuíron á cultura e á literatura como Señora das Letras. “Para nós é un orgullo que Aurora Marco escollera Ribeira para a celebración deste evento tan emotivo” destacou o mandatario local, Luís Pérez.

A xornada comezou cun roteiro imaxinario sobre a obra da autora turolense e posterior lectura de manifesto por parte da mesma, quen destacou a importancia do recoñecemento e visibilización do labor realizado polas mulleres. O acto rematou cunha pequena romería con xantar no parque de San Roque.

E, por outra banda, o rexedor, xunto á concelleira de Educación, Formación, Igualdade, Diversidade e Atención ás Parroquias, Cruz Rivadulla, recibiron no salón de plenos da casa do concello aos nenos saharauís acollidos por distintas familias deste municipio, e fíxoselle entrega de material escolar a modo de agasallo.

Os rapaces chegaron o 17 de xullo e estarán en Galicia ata a primeira semana de setembro. Os principais obxectivos do programa VEP son posibilitar que pícaros de entre 8 e 12 anos non sufran as altas temperaturas que no verán se dan nos campamentos de refuxiados no deserto do Sáhara e garantir que se realicen revisións médicas e tratamentos cando é necesario, así como tamén contribuír a unha alimentación saudable e variada. Agardamos que a súa estancia permita que participen en actividades deportivas, culturais, de tempo libre; integrándose na vida das familias de acollida e as súas comunidades” expresou Cruz.

E, do mesmo xeito, o mandatario quixo facer fincapé na importancia do programa á hora de achegarnos á cultura saharaui. “Agardamos que o Sáhara sexa libre e que pronto poidan disfrutar dunha vida plena no seu territorio”, afirmou.