A Xunta de Galicia vén de licitar a instalación de placas solares en 61 centros educativos en toda a comunidade, para o que investirá un total de 1,7 millóns de euros. No ámbito territorial de Área de Compostela, as instalacións fotovoltaicas colocaranse nos institutos Laxeiro de Lalín; O Milladoiro, de Ames; Monte Neme, de Carballo; Fernando Blanco, de Cee; Campo de San Alberto, de Noia; Macías O Namorado, de Padrón; nos plurilingües de Valga, Fontexería de Muros, Maruxa Mallo de Ordes e Antón Losada Diéguez da Estrada; e no Centro Integrado de Formación Profesional Coroso, de Ribeira.
Con estes equipamentos, a Administración autonómica prevé conseguir un aforro medio do trinta por cento do consumo, cifra que variará en función do gasto enerxético de cada un dos centros educativos.
O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, dixo que con este proxecto “avanzamos nun dos obxectivos principais do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que é o de acadar uns centros educativos máis eficientes e respectuosos co medio ambiente”.
O custo medio de cada instalación fotovoltaica é de 28.000 euros, importe que varía lixeiramente en función do centro de ensino.
A tres semanas do inicio das clases, Román Rodríguez destacou “a gran actividade en obras este verán” e avanzou que o seu departamento traballa intensamente nos preparativos do vindeiro curso escolar, previsto para o once de setembro.
En total, a Xunta está a impulsar 444 obras de mellora en 305 centros educativos de Galicia, o que supón 87 actuacións máis que o pasado ano. O orzamento destas actuacións é de 76,5 millóns de euros (un 19% máis).
Nesta mesma liña, o conselleiro destacou tamén a aposta que o Goberno galego fai por reforzar aulas e profesorado no inicio do novo curso malia ao descenso demográfico.
“A partir de setembro teremos dous mil alumnos menos no conxunto do sistema público, especialmente en Infantil e Primaria. Aínda así, os centros educativos contarán con máis unidades e máis profesorado que o curso pasado”, dixo.
Uns recursos que, segundo explicou o conselleiro, se incrementarán aínda máis unha vez se compute a Formación Profesional, unhas ensinanzas que medran cada ano e cuxa matrícula está aínda aberta.
“O mapa educativo é vivo e evoluciona en función das etapas, dos cursos e das áreas xeográficas, polo que cada ano hai que facer unha adecuación ás necesidades de cada centro”, dixo o representante autonómico.
Rateo alumno-profesor
“Isto fai posible que o ensino galego sexa un sistema de excelencia en moitos parámetros, como o investimento por alumnos, os servizos complementarios ou o abandono escolar, entre outros, recoñecidos por informes como o PISA. Ademais, contamos cun rateo alumno/profesor do 9,8 fronte á media estatal de 11,4”, explicou Rodríguez, quen engadiu que a Consellería ten o orzamento máis alto da súa historia, con case 2.900 millóns de euros, e lidera o investimento por alumno en España.