O espectáculo musical de Magín Blanco, enmarcado no ciclo Cultura no Camiño, puxo fin a máis dun mes de actividades e ao Verán Cultural de Cee, que ofreceu trinta actividades: exposicións, presentacións literarias, música, formación para os máis novos no campo dos audiovisuais, promoción da cultura tradicional a través das agrupacións culturais locais, e a IX Semana do Teatro e as Artes Escénicas, un dos eventos destacados deste verán.
A alcaldesa, Margarita Lamela, fai un balance "moi positivo en xeral" de toda a programación "xa que a acollida do público este ano foi especialmente positiva". Destaca a actuación da Banda de Gaitas de Tui, "que encadilou unha vez máis ó numeroso público que asistiu ó concerto, con momentos inesquecibles como a interpretación do tema que adicaron ao noso concello, no que se seguirá traballando nos seus arranxos musicais para que tamén poida ser interpretado pola Banda de Música de Cee, á que felicitamos polo seu 25 aniversario e polas súas actuacións tanto no Memorial Manuel Rebollar como nas festas patronais nas que nos deixaron fermosos momentos para o recordo".
Un memorial, engade, que "nos permitiu gozar de actuacións musicais de primeirísimo nivel, tendo a satisfación, grazas ó apoio do Concello, de que haberá continuidade cunha nova directiva que dará un descanso máis que merecido a Ramón, Antonio, Ángel Luis e Nacho".
Os concertos de Dj Guillermo Cedillo. Xeración Babalú e de Antía Muiño, o Certame de Habaneras, a actuación do gaiteiro e músico Plácido Baamil foron outras das citas destacadas segundo a rexedora, xunto coa nova edición de Á EsCEEna!, "este ano coa muller como gran protagonista. A calidade das propostas deixou máis que satisfeito ó numeroso público asistente xa que todos espectáculos contaron con entradas en torno ós 200 espectadores, superados amplamente na función final de Pirolíticos a cargo de Mofa&Befa".
Ademáis desta obra, as grandes triunfadoras, engade, "foron Lucia Veiga e Marita Martínez, que fixeron doblete con Códice K e Parasimpáticas, obra de improvisación cómica estreada en Cee con grande éxito. Sen esquencernos do elenco de xoves actrices de La Casa de Bernarda Alba, de Noite Bohemia, que mereceron un longo e cálido aplauso do público posto en pé durante máis de dous minutos. Unha Semana de Teatro de Cee que recuperou as sensacións prepandemia e que xa se pon a pensar na edición vindeira, a do décimo aniversario deste festival".
Atrás queda, segundo Margarita Lamela, "máis dun mes de intensas actividades, de todo tipo e para todos os públicos, donde todas elas tiveron unha acollida impresionante. Esto fai que, dende o Concello, xa estemos pensando no verán cultural do ano que ven, xa que todas as boas críticas e felicitacións dos nosos veciños e visitantes, fan que collamos máis folgos e sigamos apostando verán tras verán por este tipo de actos. Porque o Concello de Cee é diversión, entretemento e cultura".