O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMD) que xestiona a Asociación Íntegro clausurou a edición 2022/2023 cun balance “máis que positivo e cun notable incremento de usuarias con respecto aos últimos anos”, afirman dende o colectivo que preside Adolfo López.

Dende o pasado mes de setembro atenderon a 68 mulleres residentes en concellos rurais de Costa da Morte con baixa densidade de poboación, a maioría delas con discapacidade. Polo que respecta aos servizos demandados, destaca o incremento de intervencións na área de psicoloxía, grazas á dispoñibilidade a xornada completa de persoal especializado na atención individualizada, así como na mediación familiar e intercultural para a resolución de conflitos no ámbito doméstico.

Ao longo dos últimos doce meses o equipo de profesionais de Íntegro tamén realizou numerosas actuacións encamiñadas á orientación e información sobre recursos singularizados, de atención e asesoramento persoal e social, así como de apoio directo nas relacións con outras entidades, organismos e servizos para facilitar ás persoas usuarias a súa integración social.

Un dos máis demandados foi o acompañamento a centros sanitarios e outras administracións públicas e entidades bancarias para a realización de trámites básicos. As accións de orientación laboral e o seguimento na busca de emprego seguen sendo tamén unhas das prestacións máis requeridas polas usuarias, e no último ano conseguiron que cinco delas se integrasen no mercado laboral.

No último ano tamén promoveron con gran éxito varios talleres sobre afectividade e sexualidade, habilidades pre-laborais, sociais e domésticas; resolución de conflitos; autocoidados; manexo do teléfono móbil e o bo uso das redes sociais, en colaboración coa Garda Civil.

O servizo está cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo, e as mulleres interesadas poden recibir asesoramento ou formación chamando ao 981 734 985 ou a través do correo info@integro.es.