O Concello de Carballo segue adiante co plan de renovación integral dos parques infantís do municipio. A área recreativa da Ponte de Bértoa será obxecto nas vindeiras semanas dunha reforma completa. A empresa Jardinería Arce vén de iniciar as obras, que teñen un orzamento de 150.000 euros e que inclúen a renovación de todo o espazo.
Non se trata unicamente da instalación de novos xogos, senón tamén de mellorar a accesibilidade e a inclusión mediante a introdución de xogos adaptados, así como de crear espazos para o descanso das persoas adultas e maiores, fomentando o vínculo emocional; promover a utilización do espazo público para o deporte e o ocio, e fomentar a mobilidade sostible.
Nestes momentos está pendente de adxudicación o proxecto Carballo para a infancia, que prevé un investimento de 550.000 euros nos parques das prazas do Concello, A Milagrosa e Eduardo Pondal. Ademais, ata o 19 de setembro está aberto o prazo de licitación da obra de reforma integral do parque infantil de Razo, que ten un orzamento de 146.125,13 euros.