A Consellería de Medio Ambiente colaborará co Concello de Ponteceso para acondicionar unha senda que discorre por unha das marxes do río Anllóns, en plena Rede Natura 2000. Cunha lonxitude duns 3 quilómetros, o alcalde, José Manuel Mato, explicou que xa existe un sendeiro na zona, pero resulta necesario acometer unha serie de traballos de acondicionamento, así como instalar mobiliario urbano.

Prevén habilitar tamén un segundo itinerario que discorre ao redor dos muíños de auga de Corme, localizados ao carón do rego de Guxín e que están a ser restaurados co obxectivo de poñer en valor o patrimonio natural e etnográfico do municipio. Así o acordaron a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o rexedor.

Tamén analizaron as posibilidades de ampliar o parque público residencial do municipio a través da rehabilitación de antigas vivendas de mestres propiedade do Concello, un proxecto que podería optar á convocatoria de axudas do IGVS.