O Concello de Boiro fixo entrega dos Distintivos Benestar Social, cos que a concellería de Política Social recoñece e promove o labor social e de voluntariado local. Este ano foron seis as persoas, entidades e empresas distinguidas cos galardóns.

O distintivo a Voluntariado foi para o equipo do programa de apoio educativo da Cruz Vermella, polo labor que realizan nas aulas de ensino para familias en risco de inclusión, namentres que o de Entidade Empresarial recaeu na Clínica Dental Rebeca Ozores, pola súa aportación aos rapaces e rapazas en risco de exclusión ou vulnerables a través dos programas de hixiene bucodental cos que colaboran Cruz Vermella e Cáritas de Boiro.

Pola súa banda o distintivo á Entidade Social recolleuno Milagros Rey, da Asociación Ambar, un colectivo que vén apostando polas actividades de inclusión social no municipio, especialmente en proxectos que avogan pola autonomía das persoas con diversidade funcional.

Tamén foi distinguido o Club de Remo de Cabo de Cruz pola súa contribución para que os menores de familias con escasos recursos poidan practicar esta modalidade de actividade física. Asemade, Guadalupe Tubío, directora de Cáritas de Boiro, recibiu o distintivo de Méritos Extraordinarios polo seu traballo de coordinación da entidade e a colaboración cos Servizos Sociais para atender e prestar asistencia ás familias con escasos recursos.

E o distintivo á Superación foi concedido ao grupo de voluntariado Turbina, un colectivo integrado por mozos e mozas de entre 13 e 20 anos, que botou a andar da man do educador social de Boiro con cinco membros, e que hoxe son xa preto de 30 os que colaboran coas entidades sociais do municipio e programan múltiples actividades pensadas para a súa idade.

No acto de entrega dos galardóns, que tivo lugar na casa consistorial de Boiro, participaron o alcalde, José Ramón Romero; o director xeral de Inclusión da Xunta de Galicia, Arturo Parrado Puente; a deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal; o concelleiro de Política Social, Raúl Torres; a edil de Educación, Carmen Silva; a concelleira de Cultura, María Outeiral; e a presidenta da agrupación local da Asociación Española contra Cancro de Boiro, Marisa Lojo.

“O que hoxe homenaxeamos aquí son ás persoas que dedican o seu tempo en axudar aos demais. Entre os distinguidos hai persoas, pero tamén empresas, clubs ou entidades… porque hai moitas formas de contibuír ao benestar dos demais”, recoñeceu o rexedor.

Esta foi a a segunda edición desta iniciativa municipal, e a gala estivo conducida por Sabela Ramil.