Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Comezan 17 obradoiros para formar a 332 desempregados da comarca

A Xunta destina 8,2 millóns a axudas para talleres en 27 concellos

Inclúen cursos nos eidos da atención sociosanitaria, xestión forestal, construción, xardinería, carpintería, instalacións fotovoltaicas ou madeira

O Concello de Boiro vén de rematar o obradoiro de xestión forestal Torre Goiáns II coa entrega de diplomas ós alumnos, e inicia a terceira edición / c.b.

O Concello de Boiro vén de rematar o obradoiro de xestión forestal Torre Goiáns II coa entrega de diplomas ós alumnos, e inicia a terceira edición / c.b. / suso souto

Ribeira

O Goberno galego porá en marcha este ano dezasete obradoiros de emprego nas comarcas da Área de Santiago, cun investimento total de máis de 8,2 millóns de euros e que se impartirán nun total de 27 concellos de dito ámbito territorial.

No tocante ós obradoiros de Garantía Xuvenil (para os que hai 16 prazas por cada taller) Rois, Padrón e Dodro compartirán o denominado Xuventude Terras de Iria, de confección e publicación de páxinas webs, cunha axuda de 398.284 euros; e os de Val do Dubra, Santa Comba, Negreira e A Baña compartirán o Xuventude 2023, sobre atención sociosanitaria a persoas no domicilio, dinamización infantil, actividades de tempo libre e educación xuvenil, cunha axuda de 424.836 €.

En canto ós obradoiros duais (con 20 prazas cada un, e para os que se destinan, salvo no caso do de Rianxo, axudas de 531.046 euros) os concellos de A Baña, Negreira, Santa Comba e Val do Dubra compartirán o denominado Constrúe en verde, sobre actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción e operacións auxiliares de albanelería de fábrica e cubertas.

Padrón, Dodro e Rois compartirán o obradoiro Comarca do Sar sobre operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería.

A formación en xestión de montes é unha das máis solicitadas / c. boiro

A formación en xestión de montes é unha das máis solicitadas / c. boiro / suso souto

Ordes, Oroso, Tordoia, Trazo, Frades, Mesía e Cerceda compartirán o taller Mancomunidade de Ordes III sobre operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción, pintura industrial en construción, traballos de carpintería e moble e montaxe de mobles e elementos de carpintería. Ademais, os concellos de Ordes, Frades e Mesía compartirán o taller Brañas do Illó-Río Samo VI sobre actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería.

Trazo, Tordoia e Cerceda compartirán un obradoiro sobre actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. Ames e Brión compartirán o taller Renova VI sobre montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas.

Na comarca de Bergantiños, A Laracha porá en marcha un obradoiro de traballos de carpintería e moble, operacións básicas de revestimentos lixeiros e técnicos en construción, e Carballo iniciará o Carballo Coida II sobre atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.

Na comarca do Barbanza, Boiro porá en marcha o taller Torre Goiáns III sobre instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, mentres que Ribeira e Porto do Son compartirán o Tahúme IX sobre actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, e actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Rianxo recibirá unha axuda de 398.284 euros para o taller Monte Noso, sobre repoboacións forestais e tratamentos silvícolas e actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.

Muros e Carnota compartirán o denominado Fonte das Forcadas, sobre traballos de carpintería e moble e aproveitamentos forestais, mentres que Noia e Lousame compartirán un de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.

Na comarca do Deza, Lalín porá en marcha o obradoiro Lalín Verde, sobre atención sociosanitaria a persoas a domicilio, atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería e mantemento de xardíns e zonas verdes.

Finalmente, na comarca do Umia, Moraña e Valga compartirán o taller Ulla-Umia VII sobre actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, traballos de carpintería e moble, aplicacións de vernices e lacas en elementos de carpintería e moble e mecanizado de madeira e derivados.

Estas accións van dirixidas a mellorar as oportunidades laborais de 332 persoas desempregadas. A actual convocatoria 2023-2024 permitiralles aos concellos, mancomunidades e organizacións sen ánimo de lucro do sector forestal realizar estas accións. Logo da resolución dos obradoiros duais iniciaranse de inmediato os procesos de selección dos participantes a través das oficinas de emprego. Os talleres de emprego mozo xa están a iniciar as clases.

Terán preferencia as persoas que solicitaran este servizo a través da súa demanda de emprego, en especial aquelas con especial dificultade para acceder ao mercado de traballo: emigrantes retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero, persoas que esgotaron as prestacións, parados de longa duración, maiores de 45, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión, etc

Os alumnos e alumnas recibirán formación e disporán dun contrato de traballo e percibirán remuneración durante a súa participación nesta actividade, que se estende durante 12 meses. A Xunta subvenciona o 100% do salario mínimo interprofesional (1.080 euros este ano), así como a totalidade das cotas por cada un dos participantes.

A posta en marcha destes proxectos contribúe ademais á contratación, por parte das entidades promotoras, do persoal directivo do obradoiro, docente e administrativo de apoio necesario para levalos a cabo.

924 TALLERES DENDE 2009

Desde o ano 2009, a Xunta de Galicia promoveu un total de 924 obradoiros de emprego, que mobilizaron máis de 461 millóns de euros. Case 19.500 persoas participaron nestas accións que materializan a colaboración entre a Administración autonómica e local e permiten atender, por outra banda, as necesidades de man de obra do mercado.

Tracking Pixel Contents