As solicitudes de licenzas para facer vivendas unifamiliares en Carballo superan xa as de todo o ano pasado

No que vai de 2023 presentáronse 25, a maioría delas neste verán

Dende o remate do ‘boom’ inmobiliario tramitáronse 341 permisos

Obras de construción dunha vivenda unifamiliar no municipio de Carballo

Obras de construción dunha vivenda unifamiliar no municipio de Carballo / suso souto

O ano pasado presentáronse a través do rexistro municipal de Carballo un total de 22 solicitudes de licenza para outras tantas vivendas unifamiliares. No que vai de 2023 xa se superou esa cifra, cun total de 25, e coa particularidade de que 16 desas solicitudes foron tramitadas no último trimestre, entre xullo e setembro. Había moito tempo que non se rexistraban tantas licenzas nun só trimestre. É máis: en 2013, 2014, 2015 e 2016 nin sequera se acadou esa cantidade en todo o ano.

A construción de vivendas unifamiliares é, desde 2008, o principal sostén da actividade no sector da edificación residencial. Desde que rematou o boom tramitáronse en Carballo licenzas para 341 vivendas, 43 delas en edificios e o resto, que representan o 87,4%, en casas illadas.

En canto ao emprazamento das 16 vivendas cuxa tramitación comezou no último trimestre, en cinco casos sitúase na parroquia de San Xoán Bautista, en zonas como Fonte Caldeira ou Cernide. Outro foco de actividade é a costa, con tres solicitudes para a parroquia de Razo e unha para a de Noicela, mentres que e o resto se concentran nas parroquias periféricas do ámbito urbano: Bértoa (3), Ardaña (2), Sísamo e Verdillo.

O pasado luns entrou en vigor o Decreto 127/2023, polo que se aproban as normas referentes á habitabilidade das vivendas de Galicia, unha revisión da lexislación actual que flexibiliza as condicións de protección de vistas das vivendas en plantas baixas co obxectivo de que se poida realizar o cambio de uso de locais comerciais baleiros a vivendas nas debidas condicións de calidade, intimidade e seguridade.

Locais comerciais baleiros

Esta nova norma permitirá, deste xeito, que locais que levan tempo sen uso poidan ser transformados en vivendas para dar resposta deste xeito á crecente demanda de pisos, sobre todo en alugueiro, e á escaseza actual da oferta. “Algunhas persoas propietarias xa se achegaron ata a oficina técnica municipal para interesarse por esta posibilidade”, explican ao respecto dende a administración local carballesa.