Espazo Común buscou ilusionar con Luísa Feijóo e Pachi Vázquez na súa xuntanza de Bertamiráns

Luísa Feijóo, pola esquerda, con José Antonio Ucha, Javier Trillo e Francisco Civera en Bertamiráns

Luísa Feijóo, pola esquerda, con José Antonio Ucha, Javier Trillo e Francisco Civera en Bertamiráns / ESCO

A casa da cultura de Bertamiráns (Ames) acolleu a primeira Xuntanza Galega de Espazo Común con Pachi Vázquez e a edil local Luísa Feijóo. Na xornada de traballo analizáronse as debilidades e fortalezas da formación, e Vázquez deixou claro que “hai que conseguir emocionar de novo á xente; non somos un partido máis, somos un movemento cidadán de acción política, horizontal e transversal”, divulgaba.

Ao seu xuízo, a xente quere participación “e non unha estrutura ríxida onde alguén decide e os demais fan. Espazo Común veu para quedarse; a nosa aspiración, avalada polos resultados nos últimos catro anos, lévanos a crer que somos capaces de ser a chave dos gobernos”. E, do mesmo xeito, avogou por manter diálogo con todas as forzas minoritarias, xa que “se somos capaces de ilusionar a ese electorado descontento estamos convencidos de que os resultados nos acompañarán”. 

Feijóo, pola súa banda, dixo que “temos que ocupar ese espazo desatendido” polas dereitas e as esquerda en loita, e sobre todo, “ilusionar”.