Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A música da pianista rianxeira Aida Saco e a poesía de Marcos Lafuente ‘reviven’ a Lorca en Manhattan

Presentaron ‘As cordas invisibles’ no Bowery Poetry Club

Ambos residen desde hai uns anos en Nova York

Aida Saco e Marcos de la Fuente, dous artistas galegos en Nova York

Aida Saco e Marcos de la Fuente, dous artistas galegos en Nova York / ECG

J. M. Ramos

Rianxo

A interacción poético-musical da pianista Aida Saco Beiroa, de Rianxo, e o poeta vigués Marcos de la Fuente, reviviu o espírito de Lorca en Nova York. Ambos artistas galegos, afincados na cidade americana, foron os protagonistas dun concerto no Bowery Poetry Club, de Manhattan, no que presentaron o proxecto As cordas invisibles.

As composicións de Aida Saco sobre Poeta en Nueva York serviron de inspiración a Marcos de la Fuente para escribir novos poemas en galego. E coa fusión de ambos deron forma ao concerto en vivo de piano e voz. “Lorca representa unha ponte entre as raíces e a creación de novos mundos. Esta mistura da voz e do piano converterase nun libro de poesía musicado, combinando improvisacións libres con harmonías de jazz e antigas melodías populares”, afirman os dous artistas.

O descubrimento da gran cidade, coas súas diferentes realidades, vén acompañado dun autodescubrimento persoal: as reflexións de Lorca en Poeta en Nueva York trasládanse ás pezas musicais, nun proceso no que as impresións e saudades do poeta volvense as da propia artista a través destas músicas, recreando os pasos de Lorca en Morningside Heights, onde viviu cando era estudante en Columbia University.

Baixo a inspiración destas pezas, Marcos escribiu As Cordas Invisibeis, unha colección de poemas para ser recitados con música. Asegura que son “escritos que dialogan coas composicións musicais e que reflexionan sobre a identidade, a emigración interxeracional e o uso da lingua galega cando estás lonxe da terra”.

Poemas en galego

O poeta vigués culmina así, cos seus textos en galego, un proceso de interacción poético-musical que actúa como nexo entre as raíces, a realidade da cidade de Nova York e a figura inspiradora de Lorca.

Aida Saco Beiroa naceu en Rianxo, pero vive actualmente en Nova York. Leva dous anos na prestixiosa Manhattan School of Music cunha beca Fullbright do Ministerio de Cultura. Pola súa banda, Marcos de la Fuente leva xa cinco anos integrado na escena poética da cidade dos rañaceos, onde se amosa moi activo organizando eventos culturais e colaborando con músicos e poetas americanos.

Forzas creativas

O destino quixo que os dous artistas se encontrasen en Nova York e unisen as súas forzas creativas na diáspora. Un encontro que fixo posible este proxecto que mistura piano e voz, inspirados polo espírito de Lorca “que todavía – din– segue na cidade dos rañaceos”, afirman.

TEMAS

Tracking Pixel Contents