Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Un 15% da poboación do Milladoiro está exposta á contaminación e ao ruído do tráfico que soporta a travesía

O Concello sinala que co desvío dos vehículos pesados obtivéronse reducións do 6 ao 11% no día, polo que defende humanizar esa zona

Vehículos circulando pola travesía do Milladoiro, en Ames

Vehículos circulando pola travesía do Milladoiro, en Ames / Concello de Ames

Suso Souto

Ames

O Concello de Ames realizou en 2018 un estudo acústico da estrada N-550 ao seu paso polo núcleo urbano do Milladoiro que indica que arredor do 15% da poboación desta localidade está exposta ao ruído do tráfico que soporta a avenida de Rosalía de Castro (a travesía).

No estudo detállese a repercusión que ten para a veciñanza de Ames o tránsito de máis de 30.000 vehículos diarios pola travesía do Milladoiro. A isto hai que sumarlle a emisión de CO2 dos vehículos que circulan por este tramo da N-550. Dende o goberno municipal apelan a este estudo para manifestar unha vez máis a necesidade de humanizar a avenida de Rosalía de Castro, “xa que repercutirá de xeito positivo na saúde da veciñanza do Milladoiro”.

O proxecto do Goberno central para a humanización da travesía do Milladoiro (contra o que a Xunta presentará un recurso contencioso-administrativo) é para o Concello “unha cuestión de saúde pública e de seguridade”. “Trátase dun proxecto moi demandado e traballado que vai ter un impacto incalculable na saúde e na calidade de vida dos veciños”, explica o alcalde, Blas García.

Recreación virtual de como quedaría a travesía do Milladoiro coa humanización proxectada

Recreación virtual de como quedaría a travesía do Milladoiro coa humanización proxectada / Cedida

“Eliminar o tráfico pesado foi un primeiro paso dun proceso que rematará coa humanización da travesía. A día de hoxe son miles as persoas que sofren as nefastas consecuencias do ruído e das emisións de CO2, cada día en aumento”, explica o rexedor. “Que non se realice esta humanización por unha reclamación de tipo económico da Xunta co Goberno de España é poñer prezo á saúde dos nosos veciños”, engade.

A poboación exposta a valores superiores a 65 dB(A) para os períodos de día, vespertino, e para valores superiores a 55 dB(A) para o período nocturno, está por debaixo dos Obxectivos de Calidade fixados pola normativa vixente en canto a ruídos para edificios residenciais.

Así durante o día, 776 persoas están expostas a valores de 65 a 70 dB(A) e 857 persoas a valores de 70 a 75 dB(A). Pola tarde, 1.281 persoas están expostas a valores de 65 a 70 dB(A) e 210 persoas a valores de 70 a 75 dB(A). Pola noite, 489 persoas están expostas a valores de 55 a 60 dB(A), 1.238 persoas están expostas a valores de 65 a 70 dB(A) e 12 persoas a valores de 70 a 75 dB(A).

Tras a realización de dito estudo, pódese observar que a poboación exposta a ruído nas seccións censais lindeiras coa estrada N-550 aproxímase ao 15%. Ademais, realizouse a análise de poboación exposta tras a completa eliminación do tráfico de vehículos pesados (de peso superior a 3,5 Tm) polo tramo de estrada obxecto de estudo, obténdose reducións de ao redor dun 11% nos períodos día e tarde e dun 6% en noite.

Tracking Pixel Contents