Mar de Fábula e veciños de Camelle esixen que non se deixe esmorecer a casa de Man

 Coincidindo cunha nova visita dos familiares do artista alemán, limparon a contorna

“É unha pena que un espazo turístico tan visitado esté neste estado”, afirma Virginia Barros

Familiares de Man e representantes de Mar de Fábula e A Pergoliña tras limpar a contorna da casa do alemán

Familiares de Man e representantes de Mar de Fábula e A Pergoliña tras limpar a contorna da casa do alemán / Mar de Fábula

J. M. Ramos

Máis de dúas décadas despois do pasamento de Manfreg Gnädinger, máis coñecido como Man de Camelle, a conservación e posta en valor do legado do artista alemán segue deixando moito que desexar. Por iso, a Asociación Mar de Fábula e a asociación veciñal A Pergoliña volven erguer a súa voz pedindo ás administracións (Xunta e Concello de Camariñas) “que non permitan esmorecer tan emblemático lugar”.

Fixérono este domingo, coincidindo cunha nova visita de varios familiares de Man e no mesmo lugar onde o colectivo ambiental, co apoio da asociación de veciños, iniciou as súas labores de limpeza hai dez anos.

A presidenta de Mar de Fábula, Virginia Barros, asegura que ante a inacción das administracións “que están a pasarse a pelota unhas ás outras” e as opinións dalgúns expertos “que din que a obra de Man é unha arte efímera e que debe deixarse esmorecer”, considera que “é triste que no espazo non se esté a facer ningún tipo de mantemento, a pesares de ser un dos lugares máis visitados de Camariñas e da Costa da Morte”. “A nós danos igual de quen sexa competencia, pero que fagan algo”, engade.

Tanto veciños como o colectivo Mar de Fábula reclaman un mantemento “que permita conservar este espazo, que ademais do seu valor, é un gran recurso turístico para toda a bisbarra”, sinala Virginia Barros, quen ademais considera que “é un labor sinxelo e económico”.

Asegura ademais que “a familia de Man quere que se conserve o seu legado”. Subliña que non basta con que parte da súa obra esté depositada no Museo Man, habilitado para tal fin, pois “os seus escritos, en alemán, aínda están sen traducir e poñer en valor. Man era un filósofo e, tristemente, máis de dúas décadas despois do seu falecemento aínda non coñecemos a súa obra”.

Respecto ao labor de limpeza da contorna realizada nesta fin de semana hai que subliñar que, a pesar da choiva, lograron retirar “2 sacos de refugallos plásticos deitados pola última marea, e tamén lixo procedente de terra”, afirman. Recolleron multitude de anacos de porexpán, envoltorios plásticos de todos os tamaños, latas e botellas, cabos e chicotes. Hai que salientar o achádego de 14 portalentillas de plástico “procedentes da perda dun contedor no corredor marítimo de Fisterra, hai xa 4 anos e que engrosarán a nosa colección de máis de 11.000 unidades deste material tan perigoso para a fauna mariña”, subliña.

Con esta limpeza “quixemos tamén honrar a figura de Man, unha persoa cun modo de vida único en toda a Península Ibérica”, conclúe.