REPOSTERÍA TRADICIONAL

Centos de persoas desfrutaron nas rúas melidenses da trinta e dúas Festa do Melindre, a máis doce de Galicia

 Marcial Mouzo, Paco Veiga e o Museo Terra de Melide exercerán de embaixadores do emblemático produto

Veiga, esda., Merelles, Mouzo, Pérez, Rivas e Broz na Festa do Melindre

Veiga, esda., Merelles, Mouzo, Pérez, Rivas e Broz na Festa do Melindre / D. G.

J. M. Ramos

A Praza do Convento de Melide encheouse este domingo de persoeiros e visitantes para desfrutar da 32 Festa do Melindre e a repostería tradicional. A xornada comezou co nomeamento dos Embaixadores do Melindre: Paco Veiga, profesor e membro da Asociación de Xogo Popular e Tradicional; o Museo Terra de Melide, representado por Xosé Manuel Broz, e o xonalista Marcial Mouzo, quen exerceu ademais de pregoeiro desta edición.

O acto, presentado por María Torres, estivo presidido polo alcalde de Melide, José Manuel Pérez; a subdelegada do Goberno, María Rivas, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, quen destacou o crecente atractivo turístico desta festividade “que pon en valor un dos maiores recursos do modelo turístico galego: a gastronomía”.

Expositor na Festa do Melindre de Melide

Expositor na Festa do Melindre de Melide / Concello de Melide

María Rivas subliñou que a festa representa a tradición, “pero tamén o impulso do comercio, o emprego e o turismo, que medran a carón deste evento que creceu en popularidade e converteuse nun símbolo”.

Pola súa banda, o rexedor José Manuel Pérez, asegurou que “hoxe domingo doce estamos celebrando a nosa festa máis doce”. De feito, en palabras dalgúns produtores, foi tamén unha das edicións máis “doces” en vendas, pois algunha das casas melindreiras superaron os 10.000 ovos consumidos. Os melindreiros redobraron esforzos na produción dos tres doces: melindres, ricos e amendoados, para non esgotar as existencias nesta edición 2024.

Expositor da Festa do Melindre de Melide

Expositor da Festa do Melindre de Melide / Concello de Melide

O alcalde destacou tamén o feito de que, por vez primeira, “levamos a cabo accións de promoción cos embaixadores da festa na cidade, como repartir melindres e ricos nos seus restaurantes durante os días previos”. Nese marco celebrouse tamén un showcooking a cargo de Gorka Rodríguez, chef da Pulpeira de Melide, acompañado de Pablo Pizarro, un referente das empanadas.

O pregoeiro, Marcial Mouzo, sinalou que “xa viña facendo o labor de embaixador desde hai anos, porque sempre que tiven a oportunidade de pór en valor os doces de Melide, fíxeno como un melidense máis”. Defininu os melindres, ricos e amendoados como “unha delicia para o padal e unha sobremesa que nunca debe faltar en ningunha mesa”.

Centos de persoas asistiron á Festa do Melindre de Melide

Centos de persoas asistiron á Festa do Melindre de Melide / Concello de Melide

Nesta trinta e dúas edición participaron 35 expositores, con postos de doces de toda Galicia e o mellor da artesanía galega. Tras os actos protocolarios da mañá, pola tarde chegou a parte máis musical, cos concertos de Uxía Lambona e a Banda Molona, que encheu de nenos e familias o Espazo Melindre, situado na praza do Convento. O peche de ouro á festa de 2024 chegou da man do grupo Luar na Lubre, que ofreceu un concerto na praza das Coles, tamén ateigada de xente. En Melide xa pensan agora na edición de 2025.