PEL-PEMES

A Deputación da Coruña financia a contratación de 339 persoas nos concellos rurais

As comarcas de Compostela e a Costa da Morte concentran a maioría das solicitudes

O investimento total ronda os 4 millóns de euros

O reto é crear emprego e fixar poboación

A Deputación financia o 70% do salario dos traballadores durante un ano

A Deputación financia o 70% do salario dos traballadores durante un ano / D. Coruña

J. M. Ramos

A Deputación da Coruña financia con preto de 4 millóns de euros a contratación de 339 persoas por parte de pequenas e medianas empresas ubicadas en concellos de menos de 20.000 habitantes, a través da liña de axudas PEL-PEMES do Plan de Emprego Local. Este ano incrementouse a dotación orzamentaria en preto de medio millón de euros para poder atender o maior número de peticións, ante a elevada demanda de solicitudes.

Os concellos que contan cun maior número de beneficiarios nesta anualidade son os de Santa Comba, con 24 solicitudes que supoñen un montante de 308.281,78 €; Mazaricos, cun total de 21 por importe de 267.636,47 €; e Dumbría con 16 e 190.176,95 € en axudas.

Segundo o domicilio fiscal, obsérvase que os municipios de entre 5.001 e 10.000 habitantes son os máis numerosos entre os beneficiarios, con 140 concesións (41,30% do total), seguidos dos municipios de 2.001 a 4.000 habitantes, con 88 concesións (25,96% sobre o total).

En canto á distribución das concesións por comarcas, a de Santiago é a que concentra un maior número de solicitudes concedidas, cun total de 115 que representan un 33,92% do total, por un importe de 1.323.252,05 €; seguida de Bergantiños-Costa da Morte con 85 concesións, un 25,07% do total, por un importe de 1.034.454,59 €. Pola súa banda, na comarca do Barbanza concedéronse 46 axudas por un valor total de 569.661,34 euros.

A tipoloxía maioritaria das entidades beneficiarias é a de empresarios individuais ou persoas autónomas, cun total de 182 solicitudes concedidas, representando un 53,69%, dos beneficiarios totais. Das 339 empresas ás que se lles concede a axuda, 150 contan cunha muller promotora ou máis do 50% do capital social pertence a mulleres. Isto supón o 44,24% da totalidade das concesións.

Por sector de actividade, o terciario é o máis favorecido cun 59,29% das concesións, especialmente a hostalaría e turismo (18,88%); seguido polo sector gandeiro (14,75%) dentro do sector primario. No sector secundario destaca a actividade de construción e reformas, que supón máis da metade das axudas.

Destacan as empresas beneficiarias dedicadas ao comercio, cun 25,66% das concesións, seguidos dos pertencentes aos sectores agrícola, gandeiro, forestal e pesqueiro, cun 22,71% das concesións e en terceiro lugar o turismo cun 9,44% do total.

Segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o obxectivo desta liña do PEL “é apoiar a creación de emprego estable e de calidade no sector privado, apoiando as empresas radicadas en municipios pequenos e rurais para que poidan incrementar o seu cadro de persoal e contribúan a xerar postos de traballo e actividade económica”.

González Formoso lembrou que “a fixación de poboación no rural é un obxectivo estratéxico do Goberno provincial durante o presente mandato” e apuntou que “para iso é preciso que sigamos avanzando na mellora de infraestruturas e servizos públicos, pero sobre todo é fundamental que facilitemos a creación de oportunidades laborais e que apoiemos o emprendemento para que as persoas poidan desenvolver o seu proxecto vital e laboral nos municipios máis pequenos”.

Raquel Ferreiro: "Este apoio é importante porque ás pemes do rural cústanos moito competir coas cidades e grandes áreas"

Unha das seis empresas beneficiarias destas axudas no municipio de Negreira é Ópticas Ferreiro, que rexenta Raquel Ferreiro. Este é o segundo ano que accede a este programa, e valora moi positivamente o apoio recibido da Deputación da Coruña “porque contribué a aliviar a importante carga económica que supón a contratación de persoal para as pemes”.

Ademais, subliña que ás pequenas empresas e autónomos de vilas pequenas e do rural, “cústanos moito competir coas grandes áreas en horarios e prezos e tamén co comercio das cidades”.

Raquel Ferreiro asegura que, a maiores da axuda que supón para as pequenas empresas esta aportación económica, “hai que valorar tamén que isto contribúe a que poidamos prestar servizos de proximidade no rural, que son necesarios e que a xente demanda para non ter que desprazarse ás cidades”.

Así, no seu caso, ademais da oferta propia dunha óptica, tamén brindan servizos de contactoloxía, exames optométricos e toma de tensión ocular, entre outros, e contan con expertos en progresivos e cun gabinete especializado en audioloxia, ademais doutros.

A xerente de Óptica Ferrreiro considera asemade que a iniciativa da Deputación da Coruña é unha medida que favorece a incorporación ao mundo laboral de persoas que buscan o seu primeiro emprego, e tamén a colectivos como a mocidade e as mulleres.

Os contratos deben formalizarse por unha duración mínima de 6 meses e o importe das axudas vai vinculado tamén ao tipo de xornada laboral, establecéndose un máximo de 15.000 euros por contratacións de doce meses a xornada completa. As axudas cubren o 70% dos custos laborais dun traballador.