PROXECCIÓN

A Pobra redescobre o pasado conserveiro da vila a través do documental de Lesmes Iglesias

O audiovisual pretende sensibilizar sobre a importancia das fábricas de salgadura e da conserva

Subliña ademais a relevancia das mulleres nesta industria

Mesa redonda que complementou a proxección do documental

Mesa redonda que complementou a proxección do documental / Concello da Pobra

Redacción

A veciñanza da Pobra do Caramiñal redescubriu o seu pasado conserveiro a través do documental Voces da conserva, proxectado no teatro-cine Elma. A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, destacou o papel que xoga este audiovisual, para sensibilizar sobre a importancia das fábricas de salgadura e da conserva, o singular patrimonio material e inmaterial que deixou esta industria e a relevancia das mulleres na mesma.

Partindo da experiencia de Encarnación Castro, quen comezou a traballar na fábrica da Ribeiriña, de Andrés Díaz de Rábago, con só 13 anos, incorpóranse á narrativa os testemuños de historiadores e de Manuel Reinaldo, bisneto do fundador do primeiro almacén de salgadura de Castiñeiras. A xornalista Ana Rial moderou un coloquio no que participaron Miguel Ángel Vidal Lojo, arqueólogo; José Manuel Vázquez Lijó, historiador; Victoria Villoch Vázquez, doutora en Prehistoria; José Ramón González Lago, xerente da conserveira Ramón Franco; Fátima Cachafeiro, xerente da Mancomunidade Barbanza Arousa, e Lesmes Iglesias, director do documental.