Nin a choiva para a paixón polas Letras Galegas, con andaina solidaria dende Rois

A romaría conmemorativa encheu de música, artesanía e literatura o Pazo de Goiáns

En Bugallido houbo galas

Cinco Bos e Xenerosos máis en Ponteceso 

Música, artesanía e literatura enchen o Pazo de Goiáns de Boiro coa Romaría das Letras do Barbanza

Suso Souto

Redacción

A comarca envorcouse coas Letras Galegas a pesar do mal tempo para difundir a figura de Luísa Villalta, a homenaxeada desta edición, e con trasfondo solidario nalgún caso, como o de Rois. Alí, 200 persoas desafiaron na mañá deste venres a choiva e o mal tempo participando na quinta edición da Andaina Santo Isidro. Letras Galegas, coa que o Concello lle rende homenaxe a 15 protagonistas do Día das Letras Galegas, comezando por Rosalía de Castro (no km 0) e rematando por Villalta (km 14) e Xela Arias (km 15). Ademais, todo o recadado será doado á Asociación Asanog, para os nenos con cáncer de Galicia.

Algunhas das duascentas persoas participan na V Andaina do Santo Isidro- Letras Galegas que organizou o Concello de Rois

Algunhas das duascentas persoas participan na V Andaina do Santo Isidro- Letras Galegas que organizou o Concello de Rois / Concello

En Vila de Cruces, o Concello sumouse coa entrega a todos os comercios de Cruces dunhas bolsas que usarán nas súas vendas nestes días, así como uns manteis individuais para os establecementos da hostalería do municipio coa imaxe de Villalta.

E xa en Ames, a parroquia de Bugallido puxo en marcha a iniciativa I Carballeira das Letras, cun obradoiro sobre Luísa Villalta, concerto de violíns e voces a cargo de Dúo Trevo, coa colaboración dun grupo de violíns da Escola Municipal de Música de Ames, e un recital da Coral Polifónica de Bugallido, de Uxía Senlle Trío e Maianas, aínda que o xantar e a gravación dunha flasmob quedaron supeditadas ao mal tempo da xornada.

En Boiro, milleiros de persoas asistiron durante toda a xornada ás numerosas actividades celebradas no Pazo de Goiáns no marco da Romaría das Letras do Barbanza. A choiva obrigou a prescindir dos actos nos xardíns (onde si se instalou unha polbeira), pero dentro do inmoble houbo varios postos de librerías, traxes tradicionais e artesanía, con exhibicións de elaboración de sancosmeiros e de encaixe de bolillos.

O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, cun sancosmeiro, na Romaría das Letras do Barbanza

O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, cun sancosmeiro, na Romaría das Letras do Barbanza / Suso Souto

Tamén se presentaron os libros Carme e a serea mariña, de Ana Rial; Iribarne, de Ester F. Carrodeguas; e Alma de violino, de Beatriz Maceda, Eli Ríos e Laura Suárez. Tamén houbo un obradoiro de ourivería, un roteiro botánico polos xardíns do pazo, un concerto de Alana Trío e un espectáculo teatralizado de Airiños, entre outras moitas actividades.

No Pazo de Goiáns houbo presentacións literarias, concertos e un roteiro botánico polos xardíns

No Pazo de Goiáns houbo presentacións literarias, concertos e un roteiro botánico polos xardíns / Suso Souto

En Aguiño (Ribeira) tivo lugar unha xornada con inchables e debuxo infantil con agasallos para todos os participantes, refrescos, música e espectáculo do Mago Paco, organizada pola Asociación Francisco Lorenzo.

Os cinco Bos e Xenerosos distinguidos este ano pola Fundación Eduardo Pondal

Os cinco Bos e Xenerosos distinguidos este ano pola Fundación Eduardo Pondal / C. P.

Na Costa da Morte, a Fundación Eduardo Pondal distinguiu este ano como Bos e Xenerosos a Yolanda Castaño, Fundación Uxío Novoneyra, Jaime Izquierdo, Guillermo Fernández e Anxo Angueira, nun acto enmarcado nas actividades da Festiletras, que se celebra na pequena aldea do Couto, en Ponteceso.

A alcaldesa de Cee, no centro, no acto de entrega dos premios literarios da biblioteca municipal

A alcaldesa de Cee, no centro, no acto de entrega dos premios literarios da biblioteca municipal / Rafa Quintáns

En Cee, o Concello fixo entrega do XXXIII Concurso Literario de Achegamento ao Libro e do XX Concurso en Busca do noso Marcapáxinas, convocados pola Biblioteca Municipal Francisco Mayán.