AECC

A chamada solidaria contra o cancro en Cee xuntou a cento cincuenta persoas nun xantar

Desfrutaron dun menú tradicional e a música galega de Peta Forte

Houbo sorteos de produtos doados por empresas locais

Integrantes da Xunta Local da AECC de Cee

Integrantes da Xunta Local da AECC de Cee / AECC

J. M. Ramos

A Xunta Local da Asociación Española contra o Cancro (AECC) de Cee celebrou con éxito o seu IV Xantar Solidario coincidindo co Día das Letras Galegas, no restaurante Valentín. O evento contou coa asistencia de 150 comensais, que gozaron dun menú tradicional (entremeses de tortilla e empanada, pescada con ensalada, tenreira guisada e torta xeada, acompañado todo de café de pota) e a actuación do grupo de música galega Peta Forte.

A xenerosidade manifestouse nos numerosos sorteos de produtos doados por empresas locais, “contribuíndo a unha xornada chea de alegría e solidariedade”, afirman dende a entidade ceense.

A AECC convidou aos asistentes ás novas actividades programadas. Así, o 5 de outubro celebrarán a xa tradicional Andaina Solidaria Cee-Corcubión, unha cita de lecer e saúde. Ademais, anunciaron que o festival solidario, que tradicionalmente se celebraba en Nadal, adiantarase este ano ao sábado 23 de novembro, prometendo ser un evento cheo de cultura, diversión e solidariedade.