INICIATIVA

Ribeira propón reactivar o Parque Natural de Corrubedo con actividades respectuosas co medio natural

Avogan por promover o cultivo de terras, a gandaría, a apicultura e a silvicultura

Piden reducir a presenza de xabarís na zona e que a Xunta estude a opción de comprar terreos  

Marisol Díaz, esquerda, Luís Pérez e Antía Alberte na xuntanza sobre o Parque de Corrubedo

Marisol Díaz, esquerda, Luís Pérez e Antía Alberte na xuntanza sobre o Parque de Corrubedo / C. R.

J. M. Ramos

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, e a concelleira de Medio Ambiente, Antía Alberte, reuníronse coa directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, a quen lle trasladaron a necesidade de realizar actuacións que permitan revitalizar o Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.

Os membros do goberno municipal propuxeron crear varias liñas económicas dirixidas ás persoas propietarias de terreos dentro da zona protexida con diversas finalidades. A primeira delas sería para promover o cultivo das terras, a gandaría, a apicultura, a silvicultura e calquera outro tipo de actividades respectuosas co medio natural conseguindo xerar un impacto económico na zona.

Por outra banda, demandaron que a Administración autonómica realice unha memoria económica para compensar ás persoas propietarias de terreos e titulares de dereitos consolidados, que estean en disposición de vender os seus terreos. “Esta medida faría posible que a Xunta fose comprando terreos a quen teña intención de vendelos”, asegurou o rexedor.

Durante a xuntanza mantida na Consellaría de Medio Ambiente, tamén lle trasladaron o problema que xeran os xabarís nos terreos cultivados, polo que demandan medidas que permitan reducir o número de exemplares desta especie e tamén axilidade nas axudas establecidas para paliar os danos nos cultivos.

Paseos e aparcamentos

Con respecto ao mantemento, consideran importante garantir un correcto estado dos paseos e zonas de maior tránsito. Por parte da Dirección Xeral de Patrimonio, “comprometéronse a realizar tarefas de mantemento dos aparcadoiros das dunas e tamén da praia do Vilar”, algo que o rexedor agradece.

Por último, a concelleira fixo fincapé na importancia de reducir as especies invasoras como a “cortaderia selloana” tamén denominada herba da pampa e animou a realizar campañas de educación ambiental coa rapazada, abrindo durante todo o ano o Centro de Interpretación de los Ecosistemas Litorais (CIELGA) para dar a coñecer os valores ambientais e naturais do parque.

O Parque Natural de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán conta cun extenso sistema dunar de gran valor natural e paisaxístico que alberga moitos tipos de hábitats. Abrangue unha superficie total de 996 hectáreas e nel destaca a extensa duna móvil de un quilómetro de longo, douscentos cincuenta metros de ancho e quince de altura.