DIVULGACIÓN

Cincocentos estudantes da Costa da Morte amosaron o seu saber científico en Cee

O segundo Día da Ciencia na Rúa, promovido polo IES Fernando Blanco, reuníu 30 innovadores proxectos

Amosaron desde un simulador de ascensor ata unha máquina que resolve sudokus e un levitador ultrasónico

Pablo Mira, coordinador do encontro, asegura que o obxectivo é fomentar o interese pola ciencia

Grupo de estudantes que epxlicou dun xeito práctico o Teorema de Pitágoras

Grupo de estudantes que epxlicou dun xeito práctico o Teorema de Pitágoras / C. de Cee

J. M. Ramos

O segundo Día da Ciencia na Rúa xuntou no pavilllón ceense a potenciais científicos dos institutos Fernando Blanco, Agra de Raíces e CPR Manuela Rial, de Cee; Lamas de Castelo, de Carnota; Fin do Camiño, de Fisterra; e Ramón Caamaño, de Muxía, que amosaron o seu saber aos cincocentos estudantes e ao público que se achegou ao encontro, no que presentaron trinta innovadores proxectos e experimentos científicos.

Un grupo de alumnas explicando outro dos experimentos

Un grupo de alumnas explicando outro dos experimentos / Concello de Cee

Asi, quenes se achegaron ao pavillón puideron contemplar e coñecer como funcionan un simulador de ascensor, unha máquina que resolve sudokus, un panel de pneumática, un motor dun coche e ata un levitador ultrasónico. Asemade, desenvolveron experimentos de magnetismo, óptica e mecánica, un rosco científico, e mesmo construíron un reloxo de sol.

Panel de neumática presentado no Día da Ciencia na Rúa

Panel de pneumática presentado no Día da Ciencia na Rúa / Concello de Cee

Houbo también obradoiros de instrumentos musicais, cosméticos naturais e de “pasta de dentes de elefante”. Ademais, os asistentes puideron descubrir os enganos que podemos atopar sobre o contido de amidón en alimentos, e participar de experiencias con termoeléctricos, unha maqueta dunha célula e outros proxectos de tecnoloxía, ademais de diversos xogos matemáticos. Os futuros científicos explicaron tamén o que é unha braquistócrona, que son as medidas de pH, e achegaron experiencias que teñen que ver ca densidade e ca tensión superficial dos líqudos, entre outras curiosidades científicas.

A alcaldesa, Margarita Lamela, participando nun dos experimentos cos alumnos

A alcaldesa, Margarita Lamela, participando nun dos experimentos cos alumnos / C. Cee

Unha iniciativa que foi promovida polo IES Fernando Blanco, de Cee, e coordinada polo profesor de Física e Química, Pablo Mira, quen amosou a súa satisfacción "porque foi un éxito e saíu todo perfecto". Esta segunda edición "foi máis vistosa e entretida, porque participaron alumnos e alumnas de seis centros e na primeira só os do noso instituto", engadiu. O reto é "levar á rúa a divulgación científica e fomentar o interese pola ciencia".

Simulador de ascensor presentado no encontro ceense

Simulador de ascensor presentado no encontro ceense / Concello de Cee

Un interese que quedou ben patente entre os alumnos participantes, "que non só amosaron os seus coñecementos, senón que tamén demostraron saber explicarllos aos demais, o cal é moi meritorio", subliñou Pablo Mira. Por iso, "as horas de traballo empregadas na organización ao final mereceron a pena".

Subliñou que esta é "unha actividade que, tanto o profesorado que colaboramos no seu desenvolvemento como o alumnado que participa, a organizamos fóra do horario lectivo, se nengún tipo de compensación académica nin de méritos para os docentes, é algo puramente vocacional", concluíu.

A alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, sumouse tamén á actividade e mesmo se atreveu a colaborar nalgún experimento co asesoramento dos estudantes.