HORIZONTES MARIÑOS

Caión reúne proxectos de éxito e de emprendemento innovador vinculados ao mundo do mar

O encontro promovido polo GALP Costa da Morte xuntou experiencias desenvolvidas en Galicia e Cantabria

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, subliñou o impacto positivo destas iniciativas

Gerente de Taxi Diver, empresa de Castro Urdiales, que presentou a súa experiencia en Caión

Gerente de Taxi Diver, empresa de Castro Urdiales, que presentou a súa experiencia en Caión / Cedida

J. M. Ramos

O Centro Comunitario de Caión (A Laracha) acolleu este xoves a xornada Horizontes Mariños, organizada polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa da Morte, co fin de dar a coñecer experiencias de éxito de emprendedores galegos e cántabros que recibiron as axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura para a posta en marcha de novos negocios. “A Costa da Morte mira cara ao futuro da pesca, e o xeito de facelo é a través desta xornada que busca ser fonte de inspiración para desenvolver novos proxectos que aposten pola innovación”, destacou o xerente do GALP, Guillermo González.

Para dar conta das súas iniciativas, participaron representantes das confrarías de Lira e Malpica; da empresa de Muxía Lemar Elaboraciones Artesanas, adicada á transformación de produtos da pesca; e da biotecnolóxica Blue Marine Oil. O GALP Cantabria Oriental tamén asistiu á xornada para falar da posta en marcha dun museo da anchoa na vila de Santoña e da apertura dun centro de mergullo en Castro-Urdiales, con servizo de taxi e alugueiro de embarcacións.

Ademais o evento permitiu afondar nas claves para impulsar a innovación no sector pesqueiro a través dunha mesa redonda na que participaron como expertos o responsable de GastroLab Arousa, Miguel Mosteiro, espazo gastronómico especializado en eventos e obradoiros temáticos con produtos das Rías Baixas; o secretario xeral da confraría de Malpica, Francisco Varela, que compartiu a experiencia da entidade na pesca e promoción do sector; o responsable de Kiwanda, Santiago Álvarez, experto en tecnoloxía RFID, códigos de barras e visión artificial para control de inventarios e trazabilidade; e a investigadora do Instituto Español de Oceanografía de Vigo, Paz Sampedro, experta en pesquería e métodos en ecoloxía e avaliación de recursos mariños vivos.

Ao acto sumáronse tamén o alcalde da Laracha, José Manuel López; a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, quen puxo en valor o impacto positivo dos proxectos desenvolvidos polo GALP Costa da Morte; o presidente do referido GALP, Evaristo Lareo, e o xerente, Guillermo González.

O encontro pechouse cunha degustación de produtos galegos, a cargo do cociñeiro da Barbanza, Miguel Mosteiro