ACTIVIDADES

Dezasete propostas para gozar dun verán deportivo en Cee

O Concello conta co apoio e a colaboración do tecido asociativo local

A alcaldesa asegura que o obxectivo é fomentar o benestar da veciñanza

Margarita Lamela e Manuel Calo presentando o Verán Deportivo

Margarita Lamela e Manuel Calo presentando o Verán Deportivo / C. Cee

J. M. Ramos

O Concello de Cee convida a desfrutar dun verán deportivo con propostas para todas as idades e modalidades diversas. Así, o programa, que foi presentado pola alcaldesa, Margarita Lamela, e o técnico de Deportes, Manuel Calo, inclúe 17 actividades.

A carreira pedestre nocturna, o Día do deporte na rúa, o Día da bicicleta, o primeiro Torneo de baloncesto 3x3 ao aire libre promovido por ACB Costa da Morte, o campus de fútbol sala FSF Villa de Cee, o segundo campus de porteiros de fútbol da Escola Nordés, a terceira edición do DeporCampus do RC Deportivo da Coruña, ou o Campus de baloncesto ACB Costa da Morte son algunhas das grandes citas para este verán en Cee.

Ademais, o Club Cee Deportes de Contacto promove unha escola de verán e haberá campus de tecnificación mixtos de fútbol e unhas xornadas de promoción do fútbol feminino co Unión Club Cee. Están programados tamén campus de atletismo coa Asociación Deportiva Olimpia, de tenis de mesa da man da AD Zas, de kick boxing co Club Deportivo Dafit e de taekwondo co apoio do Club Taekwondo Juan Cee. A piscina municipal acollerá tamén un campus deportivo e o Club Arte e Movemento coordinará un campus de verán.

A alcaldesa, Margarita Lamela, agradece "o traballo e o continuo apoio e compromiso" do tecido asociativo deportivo co fomento do deporte e o benestar da veciñanza. Agarda que esta programación "inspire aos nosos veciños a adoptar un estilo de vida activo e que xuntos poidamos seguir construíndo un concello máis forte e saudable".