A enfermeira infuencer camariñá que divulga contido para máis de 136.000 persoas

Belinda Insua, coñecida pola súa conta @bel_enfermeria, leva dous anos compartindo a súas experiencias sanitarias cos seus seguidores. Dende o contido científico ata o humor teñen oco nas redes sociais desta moza de 28 anos da Costa da Morte, que tamén é filóloga

Belinda, a enfermeira influencer, ensinando o seu perfil en Instagram

Belinda, a enfermeira influencer, ensinando o seu perfil en Instagram / Iñaki Osorio

Belinda Insua, ou máis coñecida polo seu nome en redes sociais @bel_enfermeria, é unha enfermeira camariñá de 28 anos que xa acumula máis de 136.000 seguidores en Instagram e case 34.000 en Tik Tok. Insua divulga contido científico para “ensinar como é a profesión por dentro”, explica. Ademais, ultimamente comezou a compartir contido de humor para “achegar a enfermería ao público xeral”. Esta sanitaria leva dous anos compaxinando a súa faceta influencer co seu traballo en Saúde Mental no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Sumado a isto, cando rematou a carreira, comezou a estudar na Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED) Filoloxía Hispánica, que rematou en 2022 e que fixo porque “tiña unha espiña cravada”, xa que unha das súas afeccións é a literatura.

“Tanto a miña familia como as miñas amigas sempre me apoiaron nesta faceta”, explica a influencer sobre a súa presenza en redes sociais. Ademais, a rapaza conta que os seus achegados foron dos primeiros en seguila en redes e sempre lle animan cando ven os seus contidos dixitais. Por outra parte, o rápido aumento dos seus seguidores en redes abre a porta a que se converta nunha fonte de ingresos: “Si que me xurdiron cousas a partir das redes sociais, como levarlle o perfil a algunha empresa”. Aínda que Belinda explica que a súa conta como tal “non é unha fonte de ingresos”.

Un hobby con moito traballo

“Agora mesmo é un hobby que me leva traballo, pero non vexo un límite ata o que chegar”, explica Insua en referencia ao futuro da súa vida en Instagram e Tik Tok. Unha resposta que non sorprende despois de que a enfermeira compatibilizase o traballo cunha carreira e coa súa labor divulgativa, xa que máis alá dos vídeos que difunde esta camariñá hai tarefas de edición e creación propias de perfís coma este.

O aumento de seguidores e visualizacións adoita ir acompañado da posibilidade de que recoñezan a persoa pola rúa ou nalgún sitio público. A Belinda aínda non lle pasou que lle recoñecese algún paciente pola súa actividade dixital, pero si que lle aconteceu con compañeiras de profesión que “lle teñen visto en Tik Tok ou Instagram”. En Camariñas aínda non a coñecen como “a enfermeira influencer”, pero admite que “os coñecidos da vila si que saben que ten presenza en redes”. Tamén recoñece que isto pode deberse a que se trata de algo “enfocado cara aos temas sanitarios” e entón goza de máis recoñecemento “entre a xente que se adica ao sector”. Aínda que intenta que haxa contido “para os dous públicos”, é dicir, a xente relacionada coa saúde e a de calquera outro sector.

“Cos vídeos de humor chegas a máis xente”, recoñece a enfermeira sobre os cambios que ten introducido no seus perfís, xa que Belinda tamén realiza vídeos cos contidos virais que adoitan difundirse por Tik Tok, como os bailes. “Por exemplo, a miña nai tamén lle pode facer gracia un meme dunha situación no hospital”, conta Insua sobre a introdución de novo contido. “Quero humanizar os hospitais para que á xente se lle quite ese medo que pode chegar a ter”, afirma Belinda.

Camariñas non se esquece

Belinda chegou a Ourense porque tiña claro que quería quedar en Galicia. Ela presentouse ao exame de EIR (Enfermeiro Interno Residente) con dúas especialidades en mente: enfermería familiar e comunitaria ou enfermería de saúde mental. Coa primeira quedaba fóra de Galicia coa súa nota e coa segunda podía quedar en Ourense para “poder ir a Camariñas tódalas fins de semana”.

Boto de menos a miña familia e as miñas amigas, pero sobre todo o mar”, explica a rapaza cando se lle pregunta polo que bota en falta nunha cidade como Ourense. Belinda ten que ir ver o mar e o porto da súa vila “cada vez que marcha unha fin de semana para casa”. O faro Vilán e a praia do Ariño son os sitios que esta camariñá non pode esquecer visitar cada vez que emprende a viaxe de Ourense á Costa da Morte. “Ver o mar é recargar a enerxía para toda a semana”, afirma a enfermeira. Insua ten a idea de volver co tempo preto da súa casa, “se houbese sorte, gustaríame ir para o hospital de Cee”. A esta camariñá aínda lle quedan uns anos por Ourense compartindo moito contido para os seus seguidores.