Ribeira expón 49 viñetas publicadas por Laxeiro nos xornais ‘Faro de Vigo’ e 'El pueblo gallego' entre 1928 e 1930
A mostra pode visitarse no Museo do Gravado

Pola esquerda, Pastor Rodríguez, Luis Pérez e Javier Pérez, na inauguración / Cedida
Suso Souto
O alcalde de Ribeira, Luis Pérez, e o director artístico da Fundación Laxeiro, Javier Pérez, inauguraron no Museo do Gravado a mostra Os monos de Laxeiro, comisariada por Pastor Rodríguez e formada por 49 viñetas humorísticas que o artista lalinense publicou nos xornais El pueblo gallego e Faro de Vigo entre os anos 1928 e 1930.
Amosan os seus comezos artísticos cando é un mozo de 20 anos e aínda exerce de barbeiro. A exposición é un acontecemento cultural de primeira orde, xa que nunca antes se vira este interesante traballo de Laxeiro na súa totalidade.
Este proxecto responde a unha necesidade de catalogar e mostrar ao público o traballo completo de Laxeiro como humorista gráfico na prensa, sumándose así a ese elenco de artistas renovadores que, en Galicia, cultivaba o humorismo gráfico.

Unha das viñetas expostas / Cedida
Nestas viñetas podemos distinguir tres estilos ben definidos: un primeiro moi sintético e sen fondos nin sombreados; un segundo grupo, o máis numeroso, nos que sen abandonar a liña clara e sintética, engade un fondo que mediante a técnica do raiado, contextualiza a escena no espazo, ás veces con gran detalle, utilizando o fondo da escena como parte da situación que se detalla no texto; e unha terceira tipoloxía na que o trazo se afasta da síntese para achegarse a unha factura máis expresionista, na que podemos atopar paralelismos con debuxos posteriores de Luís Seoane ou de debuxantes xermanos como George Grosz.
A denominación de monos ten a súa orixe no século XIX e principios do século XX, época na que se designaban con este termo as ilustracións de debuxos que acompañaban un texto e, por extensión, ás viñetas humorísticas, chegando a publicarse en Madrid, en 1904, o semanario de viñetas humorísticas e de pasatempos, con ese nome, editado polo xornal El liberal. Non está claro se a orixe do termo alude á semellanza das personaxes co animal e a certa identificación cos monicreques, ou a unha abreviatura coloquial do termo monotipo, propio do mundo da reprodución mecánica da imaxe.
Laxeiro fai ese traballo "nun momento de auxe do humor galego que vai de 1909 á Guerra Civil, unha época na que sobrancean os nomes de Castelao, Maside, Torres, Fernández Mazas, Seoane, Cebreiro, Colmeiro e outra corentena de humoristas galegos. É o momento dos novos, de anovar a arte galega, de mesturar o enxebre coas leccións da vangarda europea. Un momento, ademais, que dende 1926 se dá unha chamada á orde, é dicir, unha volta á figuración con distintos nomes: expresionismo, Nova Obxectividade, Valores Plásticos", explica Pastor Rodríguez.

A mostra pode visitarse ata o 31 de xuño / Cedida
"Laxeiro, que xa recibira formación artística na emigración cubana, está agora buscando o seu camiño, probando estilos: expresionismo, realismo, a síntese de liña clara. Case sempre a partir da vida rural, con textos irónicos, unha visión do pobo galego dende dentro. O apoio de varios xornalistas e de Colmeiro pemitiralle na década dos trinta formarse na Academia de Belas Artes de San Fernando. E logo, xa un estilo inconfundible que o converteron nun dos grandes artistas galegos do século XX", engade o comisario da mostra.
Para Pastor Rodríguez "é de moito interese esta exposición para comprendermos as orixes artísticas de Laxeiro, os seus primeiros pasos, o seu interese por anovar a arte galega. E isto nunha época na que ningún dos grandes da arte galega deixou de experimentar co humor gráfico: de Castelao a Seoane, de Fernández Mazas a Maside, de Cebreiro da Asorey, de Luis Huici a Prieto Nespereira… Máis de 50 nomes están censados no humorismo galego de preguerra, un momento de esplendor da arte galega".
A mostra pode visitarse ata o vindeiro 31 de xuño, de martes a sábado, de 09.30 a 16.00 horas. Os festivos de 10.00 a 13.00. Os domingos e os luns o museo está pechado. Fóra dese horario pódense pedir citas concertadas para grupos.
- Sociólogos alertan: «El casco viejo de Santiago corre el riesgo de convertirse en un parque temático»
- Santiago estrena un 'take away' de cocina palestina que ya arrasa en sus primeros días
- Demasiado mayor para ascender, pero no para trabajar: una gallega denuncia ante la ONU un caso de edadismo en la función pública
- La compostelana Urovesa se sitúa en el centro de la estrategia de Defensa con un acuerdo para vehículos tácticos de 724 millones
- No ganó, pero esta casa de Santiago se ha colado entre las nominadas a mejor obra del año
- Crujeiras refuerza la USC con tres delegaciones clave: Internacionalización, Salud y Estrategia Digital
- Luto en el comercio de Santiago: muere María de las Nieves Iglesias, propietaria de la histórica Sombrerería Iglesias
- Galicia sumará una tercera salida hacia la Meseta por autovía: aprobado el proyecto del primer tramo de la A-76 en El Bierzo