Tres empresas traballan xa na Laracha simultaneamente no desbroce de 300 Km de viais

Os desbroces das cunetas comezaron na parroquia de Lestón

Sendeiro de Saldoiro

Sendeiro de Saldoiro / CEDIDA

O Concello da Laracha iniciou a campaña de desbroce á que vai destinar 140.000 euros procedentes integramente de fondos municipais. Os traballos lévanse a cabo cada ano durante a primavera, o verán e o outono para eliminar a vexetación herbácea nas marxes das vías coa fin de mellorar a seguridade viaria, ao facilitar o tránsito de viandantes, incrementar a visibilidade para os condutores e previr riscos de incendio.

Nesta primeira fase están actuando simultaneamente as tres empresas que resultaron adxudicatarias dos lotes referidos ás estradas de titularidade municipal.

Os desbroces das cunetas comezaron na parroquia de Lestón e esta semana executaranse nos accesos á praia de Caión, en Coiro e en Lendo. A continuación intervirase no resto das parroquias, estando previsto actuar en máis de 300 quilómetros de estradas municipais.

Nas outras dúas fases actuarase en 83 quilómetros de pistas forestais e 32 hectáreas de terreos non incluídos no contrato do servizo de limpeza de zonas verdes.