IGUALDADE

A Laracha leva ás festas do verán Puntos Violeta de apoio e acollida ás vítimas de violencia de xénero

Serán espazos de orientación e derivación, e sensibilizarán tamén á poboación

Colaboran Estado, Xunta, Deputación e comisións

Concelleiras, técnicas do CIM e membros das comisións de festas presentado o Punto Violeta

Concelleiras, técnicas do CIM e membros das comisións de festas presentado o Punto Violeta / C. L.

J. M. Ramos

O Concello da Laracha dá un paso máis na súa decidida loita contra a violencia de xénero, e este verán levará Puntos Violeta aos principais eventos festivos do municipio nos que se prevé unha maior afluencia de persoas, especialmente da mocidade. A primeira parada foi este luns en Paiosaco con motivo da última xornada das festas na honra do Santísimo Sacramento.

As concelleiras delegadas das áreas de Igualdade, Rocío López, e de Festas, Patricia Bello, acompañadas por persoal técnico do Centro de Información ás Mulleres e representantes de diferentes comisións de festas, presentaron este luns o Punto Violeta que percorrerá o municipio. “Serán un espazos de acollida, apoio, orientación e derivación que estarán a disposición das persoas que puidesen sufrir ou que presencien calquera tipo de violencia sexista ou motivada por razón de xénero. Ao mesmo tempo, serán lugares de información e sensibilización para a poboación en xeral”, subliñan desde o Concello larachés.

O Punto Violeta estará atendido por dúas persoas con formación específica en igualdade e prevención da violencia de xénero. Mediante as consultas que os cidadáns desexen formular e o material divulgativo e de prevención que se ofrece na carpa, “preténdese sensibilizar principalmente en temáticas relacionadas co rexeitamento da violencia de xénero e as relacións afectivo-sexuais positivas, poñendo no centro das mesmas o consentimento e a práctica de xeito seguro”, afirman.

A mencionada iniciativa enmárcase no programa A Laracha unida fronte ás violencias machistas, e o Concello conta co apoio do Ministerio de Igualdad a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, as consellerías de Política Social e Igualdade e de Sanidade, e da Deputación Provincial da Coruña.

Obradoiros de boas conductas

Ademais, na última xuntanza da Mesa Educativa e Sanitaria contra a violencia de xénero acordouse impulsar ao longo do vindeiro curso novos obradoiros destinados á promoción de boas condutas entre o alumnado do IES Agra de Leborís e dos colexios Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión.