Víctor F. Freixanes: “A candidatura de Zernadas para o Día das Letras nunca estivo sobre a mesa da RAG”

Lousame leva anos reivindicando esa dedicatoria, pero a proposta debe ser plantexada e argumentada por tres académicos de número

“As declaracións de Teresa Villaverde están fóra de lugar”, dixo o presidente da centenaria institución

Monseñor Francisco José Prieto ante un retrato de quen tamén foi arcebispo de Santiago, Manuel Lago, homenaxeado nas Letras Galegas de 1973

Monseñor Francisco José Prieto ante un retrato de quen tamén foi arcebispo de Santiago, Manuel Lago, homenaxeado nas Letras Galegas de 1973 / Archidiócesis de Santiago de Compostela

Suso Souto

O Concello de Lousame leva anos reivindicando que a Real Academia Galega (RAG) lle dedique un Día das Letras Galegas a Diego Antonio Zernadas de Castro, o cura de Fruíme. E, no pleno no que se aprobou unha declaración institucional con esa fin, a alcaldesa, Teresa Villaverde, dixo que “se Zernadas non fora cura, ao mellor xa estaba recoñecido”. 

Sen embargo, en declaracións a este xornal, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, desvelou que “a candidatura de Zernadas nunca estivo sobre a mesa”. “Non é a primeira vez que sona o seu nome, pero o procedemento para nomear a un homenaxeado co Día das Letras Galegas ten unha mecánica, que require que tres académicos de número presenten formalmente unha proposta argumentada para a súa votación”, explicou Freixanes. Segundo explicou, “a RAG recibe multitude de propostas, mesmo para dedicarlle o Día das Letras a autores vivos, o cal non está permitido polo regulamento, pero as votacións fanse en base a propostas formais presentadas e argumentadas por, cando menos, tres académicos de número”.  

Nese sentido, engadiu que “na actualidade hai máis dunha vintena de nomes encima da mesa, algúns deles co aval des tres académicos, pero non está o de Zernadas de Castro”.

“Suxírolle ao Concello de Lousame que envíen un email facendo a proposta argumentada e comprométome a facerlla chegar a todos os académicos”, dixo. “Esta vez vai ser apurado de máis, pero aínda están chegando propostas para o Día das Letras de 2025, cuxo homenaxeado decidirá o vindeiro plenario, a finais de xuño ou principios de xullo”.

UN ARCEBISPO E UN FRADE. Respecto ás declaracións da alcaldesa de Lousame (que dixo que “se Zernadas non fora cura, ao mellor xa estaba recoñecido co Día das Letras”), Freixanes cre que “están fóra de lugar”. “Iso non ten nada que ver. Non hai discriminación de ningún tipo. Lembro que, por exemplo, dedicóuselle o Día das Letras Galegas a Manuel Lago González (arcebispo de Santiago) en 1973, ou a Frei Martín Sarmiento, en 2002”.