DISTINCIÓN

Premian ao IES Agra de Raíces de Cee polo seu compromiso contra o tabaquismo

O alumnado de 2º de ESO foi galardoado polo programa 'Clases sen fume'

Crearon un slogan en unha actividade multimedia para convencer aos mozos para que non fumen

Alumnos e profesores do IES Agra de Raíces no acto de recollida do premio

Alumnos e profesores do IES Agra de Raíces no acto de recollida do premio / Cedida

O alumnado de 2º ESO do IES Agra de Raíces, de Cee, foi premiado polo programa Clases sen Fume, unha iniciativa educativa contra o tabaquismo que desenvolve a Consellería de Sanidade, en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a través do programa Proxecta+. Trátase dun concurso educativo para a prevención do tabaquismo que busca o compromiso individual e colectivo (de todas as aulas) de non fumar durante mínimo 6 meses.

Ao longo do curso, o alumnado asistiu a diferentes sesións de concienciación acerca dos múltiples riscos do consumo do tabaco e, paralelamente, levou a cabo diferentes actividades, entre as que destaca a creación dun slogan e a realización dunha actividade multimedia, co obxectivo de convencer ao resto de mozos e mozas para que non fumen. Cabe destacar que a tarefa multimedia realizada polo alumnado de 2º ESO Quixera que o teu fume non me atrape resultou gañadora na categoría Aulas sen Fume, e galardoado cun campamento de Clases sen fume no Complexo Xuvenil Gandarío.

O alumnado deste grupo asistiu a un acto lúdico presidido polos responsables das Consellerías de Sanidade e Educación no que, xunto co resto de escolares gañadores, recibiron os premios correspondentes e asistiron a unha conferencia dun reputado cardiólogo.

Os traballos realizados foron coordinados pola profesora de Matemáticas, Jenifer Espasandín, quen tamén recibiu un premio á innovación educativa por este proxecto. O alumnado tamén contou coa gran colaboración dos seus titores, Lucía Campaña, Beatriz Nogueiras, Manuel María Figueiras, María Segura, e Alejandra Taboada, ademais da orientadora do centro, Mariana González. Os traballos están a disposición do público na web do centro https://www.edu.xunta.gal/centros/iesagraraices/