FORTUNA

O loteiro Ernesto Moreira chegou, bicou o santo e repartiu un premio dun millón de euros en Ponteceso

O seu punto de venda, situado no estanco do lugar de Pazos, aínda non cumpriu o ano

Asegura sentir "moita alegría" e gustaríalle que "quedara na zona e axude a dinamizala"

Ernesto Moreira validou en Ponteceso o boleto agraciado cun millón de euros

Ernesto Moreira validou en Ponteceso o boleto agraciado cun millón de euros / Cedida

A diosa Fortuna volveu á Costa da Morte para deixar na noite do venres un millón de euros en Pazos de Abaixo (Ponteceso), onde, dende hai menos dun ano, Ernesto Moreira rexenta o posto de loterías no que foi validado o boleto agraciado no sorteo de Euromillones. O seu caso confirma o dito popular “foi chegar e bicar o santo”, porque o seu negocio de loterías aínda celebrará o seu primeiro aniversario en xullo. Un punto de venda que compaxina cun estanco.

Aínda que a maior felicidade será para o afortunado ou afortunada co cuantioso premio, a Ernesto a boa nova encheuno de “moita alegría”. Agarda que “o millón quede pola zona porque seguro que axudará a dinamizar a economía local”, afirma.

Sobre a identidade do agraciado nada se sabe, como é normal nestes casos, pero segundo Ernesto Moreira tamén podería ser alguén de fóra “porque aínda que a maioría son clientes fixos, esta é unha zona pola que pasa moita xente e o local está en fronte ao restaurante Casa Mosqueira, nunha área na que hai outros negocios e bastante actividade”.

Ernesto recibiu a boa nova a través dunha chamada de teléfono, pouco depois do sorteo. Curiosamente quen o chamou foi unha excompañeira que tamén vendía lotería e que deixou o negocio “pero que segue moi atenta aos sorteos e viu que o premio caera en Pazos”.

“Alegría” é o sentimento maioritario este sábado neste lugar pontecesán, e aínda que a afluencia ao posto de loterías foi semellante á dun día calquera, “sí que se achegaron, máis que nada por curiosidade, unha ducia de persoas ou así, porque é algo que chama moito a atención, e máis ao tratarse dun pobo pequeno”, subliña o loteiro.

Lembrar, por se o agraciado ou agraciada aínda non se enterou, que o millón de euros será para o posuidor do boleto que contén o código CWX38402, correspondente a El Millón que reparte o sorteo de Euromillones. Un premio que é único e só se reparte en España os martes e os venres. No último sorteo non houbo acertantes de primeira categoría, polo que o bote suma xa 144 millóns que agardan por outros afortunados.