Entrevista | Fina Suárez Alcaldesa de Trazo

“A miña prioridade é mirar polos veciños maiores que viven sós”

Cinco anos despois de ser elixida rexedora polo PP, afronta un segundo mandato moi distinto do primeiro, coa tranquilidade que dá gobernar con maioría absoluta, pero coa mesma vocación de servir a veciñanza "os 365 días do ano"

O seu gran obxectivo: situar no mapa un concello "esquecido", que, lembra, é a porta norte de Compostela

La alcaldesa de Trazo, Fina Suárez, en la sede de EL CORREO GALLEGO, en Santiago

La alcaldesa de Trazo, Fina Suárez, en la sede de EL CORREO GALLEGO, en Santiago / Antonio Hernández

Sorprende que esta sexa unha das primeiras entrevistas que dá...

É certo. Non son de dar entrevistas, non me gustan as redes sociais... Vou aos actos que teño que ir, fago as fotos de rigor que teño que facer e nos mítines levo as miñas notas, pero, ao final, acabo dicindo o que sinto, o que me sae do corazón.

Sociable si que parece...

Si, son sociable de sempre. Traballei de cara ao público case toda a vida, nos últimos anos nun supermercado, e iso tamén se nota.

Cal dos dous traballos é máis complicado: atender xente no supermercado ou no Concello?

Máis difícil é ser alcaldesa. No supermercado tiña o meu horario e, cando marchaba para a miña casa, podía desconectar. Agora son alcaldesa as 24 horas os sete días da semana os 365 días do ano.

“Ser alcaldesa engancha. É unha satisfacción cando consegues cousas para o teu Concello. Trazo estaba esquecido”

Todos vostedes din o mesmo...

Pero é que é certo. O máis complicado para un alcalde ou unha alcaldesa é conciliar a vida familiar coa Alcaldía, porque non tes horario nin tes festivos, pero, como me din sempre na casa, non me podo queixar, porque ninguén me mandou meterme nisto. É algo que fago con todo o cariño do mundo e moi orgullosa de ser alcaldesa do meu Concello, no meu caso a primeira rexedora de Trazo na historia da democracia. Xa ser alcalde é complicado, pero ser alcaldesa é aínda un pouco máis.

Seguramente nas cidades a situación é distinta, pero nun concello pequeno na Galicia rural, é máis difícil ser alcaldesa que alcalde?

Eu creo que si. Agora mesmo, como xa é o meu quinto ano como alcaldesa, nótoo menos. Ao principio eran moi reticentes a falar comigo, sobre todo de certas cousas. Falaban sobre cuestións relacionadas cos servizos sociais ou de conciliación, pero para falar de fochancas ou de obras preguntábanme polo concelleiro. Iso foi ao principio, pero estou moi orgullosa dos meus veciños porque o entenderon moi rápido. Foi fácil.

"Sendo eu mesma e pateando as parroquias, fun capaz de ganarme a confianza da xente e lograr 8 concelleiros de 11"

E cre que goberna de maneira distinta unha muller que un home?

Pode ser que si, que lle poñamos máis sensibilidade. Hai de todo, porque falamos de persoas, non de sexos. Pero considero que nalgunha cousa facémolo mellor.

Chama a atención que na páxina web do Concello apareza o seu número de teléfono móbil...

Considero que debo estar sempre localizable. Os meus veciños meréceno. E a xente respéctao moito, pero si que chama en casos puntuais.

Ninguén apostaba por vostede cando se lanzou ou a lanzaron como candidata á Alcaldía... Tampouco no seu partido. É consciente diso?

É posible que non, pero é normal. Eu era concelleira e número 4 da lista. Naquel momento era algo impensable, tamén para min.

Gobernou inicialmente en minoría, pero o ano pasado resarciuse e logrou a maioría absoluta. Sentiu que calaba moitas bocas?

Foi un momento de moita satisfacción, pero síntome tamén moi orgullosa do traballo que fixemos no mandato en que gobernamos en minoría. Tiven que facer un pacto que daquela parecíame imposible, pero non me arrepinto. E despois, sendo eu mesma e pateando as parroquias, fun capaz de ganarme a confianza da xente e lograr 8 concelleiros de 11.

E iso que ás eleccións presentábanse cinco forzas políticas...

Si. A campaña foi dura e sucia, incluso máis que a anterior. Ninguén pensaba que podía haber cinco partidos e, por riba, presentábase un exalcalde que gobernou durante 18 anos con catro maiorías absolutas. Pero ao final a xente confiou en nós.

E agora que vai polo segundo mandato, diría que ser alcaldesa engancha?

Si, engancha. É unha satisfacción persoal cando consegues cousas para o teu Concello. Trazo estaba esquecido, somos a porta norte de Compostela e unha das miñas prioridades é situalo no mapa.

"Temos que facer unha modificación parcial do PXOM para poder ter solo no que edificar"

Outra prioridade será poder pagar os servizos que prestan, non?

Si. O maior reto é obter o financiamento necesario para custear os servizos sociais, sobre todo para atender a maiores e nenos.

Debera a Xunta aportar máis financiamento?

Creo que todas as Administracións terían que aportar máis cartos, porque son competencias que os concellos non podemos asumir cos nosos recursos. Cada vez temos máis persoas maiores e cada vez son máis os que viven sós nas súas casas, porque os fillos emigraron ou residen noutros lugares. A miña prioridade é mirar polos veciños maiores que viven sós. As obras tamén son importantes, pero hai outras necesidades que non son tan palpables, como a soidade, que hai que afrontar.

Os concellos rurais tamén necesitan ganar poboación. No caso do de Trazo, hai traballo?

O motor fundamental da economía de Trazo son as explotacións gandeiras, que desgrazadamente non atopan man de obra para traballar, a pesar de que hoxe en día as condicións laborais son como as de calquera outra empresa.

E hai vivenda?

Temos que facer unha modificación parcial do PXOM para poder ter solo no que edificar. É verdade que temos moitas vivendas baleiras, pero os propietarios son remisos ao alugueiro. Estamos intentando facer un labor de concienciación, pero teñen medo. É unha pena, porque moita xente vén preguntar se hai vivendas para alugar e sería unha maneira de poder fixar poboación.

Ademais da modificación do PXOM, que proxecto lle gustaría ver rematado neste mandato?

Gustaríame levar o saneamento a todas as parroquias, pero aí si que vou necesitar axuda doutras administracións. Tamén me gustaría facer unha gardería nova, desafectando unhas aulas que hai no colexio e poñer servizo de comedor.

Suscríbete para seguir leyendo