A bibliografía do poeta de Negreira Pepe Ardeiro chega ao Consello da Cultura grazas a Amancio Liñares

Trátase da escolma máis completa nunca publicada do finado vate de Logrosa

Inclúe datos biográficos, do seu activismo e obra, tanto individual coma colectiva

Amancio Liñares, primeiro pola esquerda, cos finados Ardeiro e Pousa Antelo

Amancio Liñares, primeiro pola esquerda, cos finados Ardeiro e Pousa Antelo / Dolores García Moldes

“O amigo Pepe Ardeiro faría 80 anos o vindeiro 15 de xuño, e pensei que sería unha boa ocasión para publicar un traballo sobre a súa vida e obra no Álbúm de Galicia do Consello da Cultura Galega”. Este é o testemuño do historiador, tamén de Negreira, Amancio Liñares, que vén de envorcar a bibliografía máis completa feita ata hoxe do finado poeta de Logrosa, que nomea ademais un dos galardóns anuais con máis pulo na comarca.

O texto (que se pode consultar íntegro na dirección de internet https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=35252) comeza cunha semblanza dos datos biográficos do vate, pero con referencias ao seu activismo político e social e, sobre todo, a súa actividade literaria, ben documentada con citas de especialistas e escritores que valoran as súas aportacións. Deixou, deste xeito, sete obras e tamén participou en traballos colectivos, uns méritos que dende hai tempo se están a valorar para reivindicar a súa figura e darlle todo o protagonismo nun futuro Día das Letras Galegas.