EMPRENDEMENTO

Catro mozos manteñen vivo o cámping Lago Mar de Muxía

É o novo proxecto da cooperativa xuvenil Horta Creativa

Queren que sexa un espazo cultural e punto de encontro

Música, gastronomía e artesanía animarán a festa inaugural, do 21 ao 23 de xuño

Sergio Tarrela, esda., Manu Nogueira, Adri Alcaina e David Fernández, os catro socios de Horta Creativa

Sergio Tarrela, esda., Manu Nogueira, Adri Alcaina e David Fernández, os catro socios de Horta Creativa / Cedida

Catro mozos de Muxía, Adrián Alcaina Romaní, David Fernández Pérez, Sergio Tarrela Rial e Manuel Nogueira Rodríguez, integrantes da cooperativa xuvenil Horta Creativa, dan un paso máis no seu proxecto de emprendemento e asumen a xestión do cámping Lago Mar. "A nosa idea é seguir mantendo a esencia que sempre tivo este cámping, un lugar familiar e acolledor", afirma Manuel Nogueira.

A maiores diso, engade, "queremos que funciones como un espazo cultural, onde conflúa a música, a arte en vivo, as charlas e actividades lúdicas relacionadas coa contorna". Contará ademais cun composteiro e un invernadoiro "para ter colleita propia e xerar o abono necesario a partir dos residuos orgánicos".

O cámping Lago Mar está situado na contorna da praia do Lago, en Muxía

O cámping Lago Mar está situado na contorna da praia do Lago, en Muxía / Cedida

O cámping conta con 12 bungalows, parcelas para tendas de campaña, autocaravanas ou furgonetas camperizadas, ademais de pista de tenis, baños, duchas, e servizo de baleirado de augas. "Temos tamén un bar no que se servirán almorzos, comidas e ceas, e onde se desenvolverán as actividades culturais, para que poidan desfrutalo todas aquelas persoas que o desexen, sen ter que estar aloxadas. Queremos que veña xente de toda a Costa da Morte e poder crear un espazo de conexión cos viaxeiros que nos visitan de todo o mundo", subliña Nogueira.

O cámping está ubicado ao pé da praia do Lago

O cámping está ubicado nunha privilexiada paraxe natural / Cedida

Asegura asemade que "temos moitas ilusións postas no proxecto. É moi gratificante poder traballar en algo así no lugar onde vivimos e poñer o noso gran de area para activar e dinamizar a Costa da Morte", conclúe.

Cartel das actividades inaugurais na fin de semana do 21 ao 23 de xuño

Cartel das actividades inaugurais na fin de semana do 21 ao 23 de xuño / Cedida

O primeiro paso será unha fin de semana, do 21 ao 23 de xuño, a modo de inauguración, na que non faltarán a música, a gastronomía, a artesanía e a praia. O venres, día 21, haberá pinchos e actuación de Abaladeiras, a partir das 19.00 horas; o sábado, churrascada e música de Manu Sija, ás 13.00 horas; e o domingo, degustación de paella amenizada por Martin Human ás 13.00 horas, actuación de Dj Choriso Criollo (17.00 horas), sardiñada (20.00 h.) e queimada (22.00 h.). A arte en vivo correrá a cargo de Viki Rivadulla, Sonereida, Laura Marte e Carpetaink.