Entrevista | Juan Manuel Rodríguez García Alcalde de Cerceda

“Estamos a favor da industria sempre que supoña beneficios para a veciñanza”

"Nun municipio co desenvolvemento do noso ten que haber un goberno forte que defenda aos veciños”

O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, na sede de EL CORREO GALLEGO

O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, na sede de EL CORREO GALLEGO / S. L. C.

As súas non son as preocupacións habituais que teñen os rexedores dos concellos do rural galego. E é que o socialista Juan Manuel Rodríguez goberna un dos municipios con maior PIB per cápita de Galicia que ten por diante importantes retos vencellados á transición ecolóxica, proxectos nos que ten moi claro que a comunidade xógase o seu futuro económico

Goberna con 9 de 13 concelleiros. É vostede a envexa de moitos...

Gobernar con 9 de 13 concelleiros supón unha esixencia, porque iso quere dicir que a veciñanza ten unha grande expectativa sobre a nosa xestión. Sentímonos moi orgullosos do resultado, pero se cabe máis responsabilizados aínda.

E tras este ano de orgullo e de responsabilidade, que balance fai?

Fago un balance moi positivo. Estou convencido de que a sintonía dos veciños de Cerceda co noso proxecto incluso foi a máis, nun ano que non estivo exento de certas dificultades, pero no que tamén avanzamos en obras e aprobamos novas medidas a nivel social: axudas para as terapias biopsicosociais, para a natalidade, a escolarización, máis consignación para as comisións de festas, máis programa de envellecemento activo... en definitiva, máis preto da xente. Pero, ademais, nun concello co desenvolvemento que ten Cerceda é importante que haxa un goberno forte a hora de mirar polos intereses dos veciños.

Cerceda é un dos poucos concellos da súa zona que medra en poboación. Ata que punto é mérito dos seus gobernantes?

Cremos que inflúen os servizos que prestamos, pero hai unha serie de casuísticas que non dependen en exclusiva do goberno municipal. Estamos moi ben situados: a 20 minutos da Coruña, a 30 de Santiago, a 10 de Ordes, a 20 minutos de Carballo... É certo que nun municipio que xera tanto emprego como o noso, é moi fácil traballar en Cerceda e vivir fóra, pero aínda así somos dos poucos concellos da zona que están medrando e de maneira sostible. O que máis nos preocupa a nós é que a xente de Cerceda viva ben.

"A nosa principal preocupación é a transición ecolóxica"

A case todos os alcaldes rurais quítalles o sono a cuestión do financiamento, pero vostede goberna un concello relativamente rico. Cal é a súa maior preocupación?

A nosa principal preocupación é a transición ecolóxica, porque se es un referente industrial tes o suficiente peso para non ter que depender dos fondos e das axudas doutras administracións en tan gran medida. Se hai unha liña en Bruxelas encamiñada cara a transición ecolóxica iso é o que permite que neste momento, por exemplo, haxa consignados 15 millóns de euros para a planta de hidróxeno verde en Cerceda. Para nós é moi importante que se siga esa liña. A cuestión é a paralización administrativa que se dá neste momento. Valoro positivamente que a Xunta faga unha aposta clara polas industrias que van marcar o futuro de Galicia. A eólica é fundamental...

Pero o parque eólico de Meirama está paralizado...

Ao igual que se están paralizando todos en Galicia. É certo que o plan sectorial eólico tiña que estar actualizado, porque houbo un cambio importante na tecnoloxía que debera levar aparellado un cambio na normativa e iso ata o momento non se deu. Dito iso, o parque eólico de Meirama está ubicado nunha zona industrializada e é un proxecto moi importante non só para Cerceda, senón para toda Galicia, que está neste momento nunha encrucillada.

En todo caso, parque eólico –de momento paralizado–, planta de hidróxeno verde, planta de biogás... Non lle preocupa un impacto negativo a nivel medioambiental?

Non existe ningún ámbito do desenvolvemento que non xere molestias. Pero, os funcionarios que fan informes en base a unha normativa que se aproba nunha Cámara de representación que é soberana teñen que ter tamén o seu peso. E é evidente que estas cuestións axítanse cun interese político. O plan sectorial eólico está obsoleto, iso si que é certo. Pero o desenvolvemento das industrias é fundamental para o desenvolvemento económico. Galicia depende diso. Se non se aproveitan as oportunidades no seu momento, imos ter unha posición absolutamente supeditada a outros lugares. Alemaña, por exemplo, está apostando moi forte polo hidróxeno verde. Non importa só o que, importa tamén o cando.

"No lago das Encrobas hai unha proposta de central hidroeléctrica, que a nivel de ingresos é moi interesante e que terá que ser sostible e compatible cos usos lúdicos"

Outro foco de interese está no lago das Encrobas, de enorme potencial. Que vai pasar con el?

Hai unha proposta de central hidroeléctrica, que a nivel de ingresos é moi interesante e que terá que ser sostible. Pero tamén estamos traballando para que poidan facer alí todo tipo de instalacións lúdicas, restaurante, pantalán, praia... Nós estaremos en contra dunha industria que anule os usos lúdicos.

Mentres tanto, temos o Aquapark, que xa abriu as súas portas...

Así é... Hai que lembrar que se trata dunha infraestrutura turística de carácter público, o que non é habitual. Eque é sostible con prezos populares, comparables a pasar unha tarde no cine. Ten ata microclima.

Que outros proxectos lle gustaría ver concluídos neste mandato?

Queremos darlle para adiante ás infraestruturas deportivas, sobre todo ás futbolísticas. Tamén a ampliación da escola infantil municipal, mellorar a mobilidade peonil, humanizar o campo da feira de Cerceda, a instalación da depuradora de Meirama... E seguir poñendo o selo da soberanía local do concello en todo o que teña que ver co desenvolvemento industrial. Sabemos que somos unha gominola a nivel medioambiental, enerxético e industrial e estamos a favor da industria sempre que supoña beneficios para a veciñanza.

O seu antecesor, José García Liñares, foi alcalde durante case un cuarto de século. Vostede vese gobernando tantos anos?

Tratarei de ser alcalde mentres crea que a miña receita é axeitada e mentres teña ideas que crea adecuadas. Nós temos clarísimo que con todos estes proxectos vencellados á transición ecolóxica temos un escenario que vai máis alá do 2030 polo que temos que traballar.

Suscríbete para seguir leyendo