O festival Rockin Carballo reúne a sete grupos e artistas de catro países o vindeiro sábado día 22
A banda local Rusty Nuts compartirá escenario con Sofía Comas, TT Syndicate, Hongo, Ian Kay, The Shivas e Doctor Explosion

Integrantes do grupo carballés Rusty Nuts, que actuará no Rockin / Rusty Nuts
O festival Rockin Carballo chega este ano á súa edición número quince cun cartel disposto a conquistar a todas as xeracións protagonizado por grupos e artistas de España, Portugal, Francia e Estados Unidos.
Terá lugar o vindeiro sábado 22, as entradas serán de balde e abrirase co concerto que ofrecerá ás 13.00 horas no escenario Palmeira Sofía Comas, compositora, cantante e actriz de orixe española/canadense, recoñecida pola súa capacidade para fusionar poesía e música nunha expresión artística única. Dende os seus inicios como cofundadora da banda madrileña Tucan ata o seu debut en solitario explorou diversas ramas artísticas, dende a música ata a danza.
No mesmo escenario actuará ás 14.00 horas TT Syndicate. Aínda que con base en Porto, a súa música lévanos de viaxe polo Mardi Gras de Nova Orleans, o Wigan Casino británico, o Hotel Sands de Las Vegas ou polo corazón negro de Detroit.
Ás 19.00 horas, xa no escenario Rego da Balsa, será o turno de Hongo, un dos referentes a nivel nacional do crust-punk que conta con seis discos no mercado, xiras europeas e concertos en festivais estatais e internacionais. Un dos seus integrantes é Pablo Moreira, de Carballo.
Ás 20.30 horas será o concerto de Rusty Nuts, banda de punk-rock formada polos carballeses Capi, Noel, Rama e Zas que presentará o seu EP Non Time. Ás 21.35 horas será o turno de Ian Kay, francés de orixe armenia afincado en Barcelona, multi instrumentista e compositor que cambiou a batería pola guitarra e deixou atrás o punk e o garage de grupos como Les Rencards ou The Missing Souls para facerse un pouco máis pop, sen perder a actitude roqueira.
Ás 23.00 horas actuará The Shivas, do noroeste de Estados Unidos (Oregón). Jared Molyneux (guitarra e voz), Eric Shanafelt (baixo) e Kristin Leonard (batería e voz) xuntáronse en 2006 para facer o que todo bo adolescente amante do rock soñou nalgún momento: montar unha banda cos seus colegas do instituto.
E ás 00.30 horas porá a guinda a este festival Doctor Explosion, con máis de 30 anos de sólida carreira.
Por outra banda, o Concello de Carballo deseñou para este verán unha variada programación cultural que se desenvolverá ao longo dos meses de xullo e agosto na praza consistorial e que inclúe unha oferta musical de gran actualidade e cunha forte presenza de artistas galegas consolidadas como Guadi Galego ou emerxentes como Fillas de Casandra e Caamaño & Ameixeiras.
O venres 12 de xullo ás 22.30 horas actuará Guadi Galego, que vén de recibir o Premio Martín Códax na categoría de mellor canción de autora do ano 2024. Presentará o seu último traballo: Síntese horizonte.
O venres 19 de xullo ás 22.30 horas será o turno de Fillas de Casandra, que presentarán Últimas dionisíacas, un espectáculo no que mesturan música tradicional, pop e techno.
O venres 26 de xullo ás 20.30 horas actuará a compañía galega Muu!!! para presentar Crunch 2, un espectáculo no que dous superheroes, a través do humor, malabares e equilibrios, van deixar a máis de unha coa boa aberta.
O venres 2 de agosto ás 22.30 horas actuarán Caamaño & Ameixeiras, outra das grandes revelacións da música galega, que veñen de ser galardoadas co Premio Martín Códax na categoría de folk, e que presentarán o seu último traballo: Quitar o aire. E o venres 9 de agosto ás 22.30 horas será o turno de Banda Xangai, que inventou o sentimento bravú. A formación chegará a Carballo capitaneada por Xurxo Souto.
- Cuando el periodista Fernando Ónega ganó dos premios Minerva en Santiago
- Sellan un boleto de la Bonoloto galardonado con 193.000 euros en la papelería Boo de Milladoiro
- Anubis Dimitri, el gallego que comparte su vida con cuervos y triunfa en internet: 'Mi motor de vida es ayudar a los animales
- El precio de la gasolina no para de aumentar en Santiago y ya supera los 1,75 euros el litro en algunos surtidores
- Una spin-off finlandesa situada a 3.000 kilómetros de Santiago monta el nuevo superordenador cuántico para el Cesga: 'Será uno de los más potentes de Europa
- Tiendas y bares del aeropuerto de Santiago perderán más de 5 millones por el cierre por obras durante 35 días
- Giro en la hostelería de Santiago: la ciudad pierde bares pero gana restaurantes
- María Renée, la joven que pone voz a las quejas de Pontepedriña por el proyecto 'Entre Sar e Sarela'

