CULTURA

Caión exhibe a mostra adicada a Juana de Vega

Está formada por vinte paneis que percorren a vida e obra da protagonista

Pode visitarse no centro sociocomunitario ata o vindeiro venres, día 28

Acto inaugural da exposición dedicada a Juana de Vega en Caión

Acto inaugural da exposición dedicada a Juana de Vega en Caión / C. Laracha

A exposición itinerante Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872). Facer no século pode verse ata o venres, día 28, no centro sociocomunitario de Caión. A mostra, promovida pola Fundación Juana de Vega, pretende divulgar a figura dunha muller progresista e liberal que desenvolveu unha intensa actividade benéfica e social.

O acto inaugural estivo presidido polo alcalde, José Manuel López, e asistiron o presidente da fundación, Enrique Sáez, os concelleiros José Ramón Martínez e Patricia Bello, e o presidente do GALP da Costa da Morte, Evaristo Lareo, entre outros.

O alcalde, á dereita, e o presidente da Fundación Juana de Vega, en Caión

O alcalde, á dereita, e o presidente da Fundación Juana de Vega, en Caión / C. L.

Na mostra, distribuída en 20 paneis, percórrense as andanzas da súa familia, a guerra e a política de principios do século XIX, o seu casamento co heroe da Guerra de Independencia, Francisco Espoz y Mina, e o seu matrimonio. Tamén o exilio, os ataques sufridos polo militar navarro e a súa morte, que a converten na “viúva eterna”. Mais isto non foi óbice para que desenvolvese a súa faceta humana e intelectual ao longo dos anos. Desde a súa función como aia da raíña Isabel II ata a fundación de hospitais e hospicios ou a súa influencia nos círculos de poder para acadar sempre o fin de axudar aos máis necesitados.

A exposición permanecerá aberta ao público no primeiro andar do Centro Sociocomunitario de Caión ata o venres 28 de xuño en horario de 17.00 a 20.00 horas (17 a 21 de xuño) e de 10.00 a 13.00h (24 a 28 de xuño).