CONFLITO LABORAL

Os traballadores da recollida do lixo en Carballo pararon todos na primeira xornada de folga

O paro repetirase os días 20 e 21 e do 23 ao 25, coincidindo con San Xoán

Os traballadores de Carballo demandan un "convenio digno"

Os traballadores de Carballo demandan un "convenio digno" / CIG

A primeira das xornadas de folga no servizo de recollida do lixo do Concello de Carballo rexistrou un seguimento do 100% e ningún traballador acudiu ao seu posto. O paro repetirase os días 20 e 21 e do 23 ao 25 de xuño, coincidindo coas festas do San Xoán.

Os traballadores xustifican a folga polo bloqueo da negociación do convenio colectivo coa empresa concesionaria (unha UTE integrada por Urbaser S.A. e Servicios Gallegos de Lacería S.L.). O responsable da CIG de Carballo, Martín Caamaño, asegura que “a pesar de que os traballadores están cobrando o salario mínimo interprofesional, a empresa limitouse a presentar unhas táboas nas que os soldos no ano 2024 quedarían pouco máis de 20 euros mensuais por enriba do SMI, mentres que para os seguintes anos de vixencia do convenio ofreceu un miserento incremento de entre o 1,7% e o 2%”.

O Concello de Carballo decretou un servizos mínimos para os catro días de folga previstos: de 06.00 a 13.05 horas. Hai que sinalar que os paros dos días 21, 23, 24 e 25 de xuño coinciden coas celebracións centrais das festas patronais.