POLÍTICA

Alternativa dos Veciños require á alcaldesa de Fisterra que restitúa as competencias ao edil díscolo

A rexedora retiroulle os cargos por votar en contra do orzamento

Dende AV denuncian que “cambioulle as pechaduras” do despacho

Francisco Martínez, á dereita, votando en contra do orzamento cos edís do PP

Francisco Martínez, á dereita, votando en contra do orzamento cos edís do PP / C. Fisterra

A fractura do goberno minoritario de Fisterra (Alternativa dos Veciños, con só 3 dos 11 concelleiros da Corporación) segue agrandándose. A executiva do partido, con sede en Oleiros, fixo público un comunicado no que require á alcaldesa, Áurea Domínguez, que “restitúa as competencias ao concelleiro Francisco Martínez”. Cómpre lembrar que o edil foi destituído dos seus cargos de tenente de alcalde e da presidencia das concellerías que lle foran asignadas despois de que o pasado 7 de xuño votase en contra dos orzamentos presentados polo seu partido e o goberno local do que formaba parte.

Alternativa dos Veciños denuncia ademais que “cambiaron as pechaduras do despacho do concelleiro, imposibilitándolle a consulta de diversos expedientes relacionados con actuacións irregulares anteriores e actuais por parte da Alcaldía”. Acusan ademais á rexedora fisterrá de “ignorar totalmente aos representantes do partido na localidade: Juan Francisco Martínez e José Raúl Gómez Rivera”.

Por iso, engaden, a comisión executiva de Alternativa dos Veciños “acordou requirirlle á alcaldesa a reposición dos cargos, outorgándolle a Francisco Martínez toda a información que demande en distintos expedientes”. Asemade, reclámanlle a Áurea Domínguez “que debata entre os integrantes do goberno local e simpatizantes de Alternativa en Fisterra os asuntos a incluír nos orzamentos do municipio”.

Desde o partido insisten en que “Alternativa dos Veciños non foi a Fisterra a continuar coas políticas que tiveron paralizado o municipio”, e sinalan que “durante os últimos anos cometéronse gravísimas irregularidades na xestión do Concello”.

A alcaldesa, Áurea Domínguez, declinou, polo momento, valorar o requirimento do partido e limitouse a sinalar que “seguimos traballando con normalidade”.

A división do goberno local abre a porta a unha posible moción de censura se o PP consegue o apoio que lle falta para formar unha maioría absoluta. Non obstante, polo momento, non se coñecen pasos encamiñados a ese obxectivo.