MUNICIPAL

Camariñas adícalle unha rúa ao exalcalde Juan Bautista Santos

Rebautizarán co seu nome a actual avenida Eugenio López

A iniciativa aprobarase en pleno o sábado, día 22, e despois descubrirase a placa

Juan Bautista Santos Ramos, exalcalde de Camariñas, faleceu en xuño de 2023

Juan Bautista Santos Ramos, exalcalde de Camariñas, faleceu en xuño de 2023 / C. C.

O goberno local de Camariñas proporá nun pleno extraordinario que se celebrará este sábado, 22 de xuño ás 12.00 horas, rebautizar co nome do exalcalde Juan Bautista Santos Ramos á actual avenida Eugenio López.

Na proposta destácase que Juan Bautista Ramos foi alcalde de Camariñas desde o 1983 ao 2007 e saliéntase a “importante labor e dedicación que durante 24 anos tivo cos veciños e veciñas" e a súa "gran calidade humana”. “Líder extraordinario e traballador incansable, dedicou toda a súa vida a conseguir o benestar e progreso para Camariñas, deixando unha pegada indeleble no corazón de todos nós”, subliñan.

Escóllese a avenida Eugenio López “por estar alí obras tan importantes como a escola infantil e os pavillóns municipais feitos no seu mandato”.

Ao remate da sesión plenaria extraordinaria a corporación municipal desprazarase ata a avenida para descubrir a placa co novo nome.