MAR

Vinte confrarías de Barbanza e Costa da Morte reciben máis de 422.000 € da Deputación

 As axudas están dirixidas a persoal, adquisición de sementes, equipamentos e exaltación de produtos

O presidente da Deputación, Valentín González, na lonxa de Ferrol

O presidente da Deputación, Valentín González, na lonxa de Ferrol / D. Coruña

A Deputación da Coruña concede este ano 649.532,97 euros en axudas a 31 confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadores da provincia para o fomento da súa actividade e a promoción dos seus produtos. Vinte dos pósitos beneficiarios pertencen ao litoral de Barbanza e Costa da Morte, os cales recibirán 422.392,74 €.

O Boletín Oficial da Provincia publicou a resolución pola que se aproba a concesión definitiva de “subvencións correspondentes ao programa FO027A: convocatoria do programa de subvencións de fomento pesqueiro dirixido ás confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras da provincia da Coruña para actividades durante o ano 2024”.

As axudas incrementáronse un 30% con respecto ao ano anterior, pasando de 500.000 euros a case 650.000 euros, co obxectivo de apoiar non só as actividades, funcionamento e contratación de servizos dos pósitos, senón tamén as festas de exaltación de produtos pesqueiros de proximidade, atendendo así unha das demandas do sector. Este ano, as subvencións que recibirá cada confraría oscilan entre os 5.100 e os 25.000 euros, que poden destinar á contratación de persoal, adquisición de sementes de moluscos, alugueiro de maquinaria ou equipamentos para o desenvolvemento das actividades de confrarías, lonxas ou fábricas de xeo ou contratación de servizos externos, como a vixilancia.

As beneficiarias de Costa da Morte son a Agrupación de Mariscadoras do Esteiro do Anllóns (10.132,74 €) e as confrarías de Camariñas (25.000 €), Camelle (23.636 €), Corme (20.000 € máis 15.000 € do eixo 2), Laxe (19.000 € máis 4.824 do eixo 2), Malpica de Bergantiños (25.000 €), Fisterra (20.000 €), Muxía (19.000 €) e Corcubión (25.000 €). Pola súa parte, en Barbanza recibirán axudas os pósitos de Carreira e Aguiño (13.800 €), Muros (20.000 €), A Pobra do Caramiñal (20.000 €), Cabo de Cruz (19.000 €), Lira (25.000 €), O Pindo (20.000 €), Noia (20.000 €), Ribeira (20.000 €), Portosín (19.000), Porto do Son (20.000 €) e Rianxo (19.000 €).

A deputada provincial e presidenta da comisión de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, mantivo varias reunións coas confrarías nos últimos meses para recoller as súas demandas e necesidades e plasmalas nestas axudas. De feito, a deputada lembrou “a importancia social e económica que os sectores pesqueiro e marisqueiro teñen na provincia da Coruña, onde xeran miles de empregos".

Queremos seguir apoiando a un sector estratéxico na provincia. Son axudas que chegan á práctica totalidade dos pósitos e supoñen un apoio fundamental para o seu funcionamento”, engadiu.