POLÍTICA MUNICIPAL

Áurea Domínguez, alcaldesa de Fisterra: “Pensaron que estaría disposta a ser marioneta e a deixarme levar por vinganzas”

Cualifica de “falsas” as acusacións do seu partido, Alternativa dos Veciños

Négase a restituír nos cargos a Francisco Martínez pola súa "deslealdade"

Áurea Domínguez, alcaldesa de Fisterra

Áurea Domínguez, alcaldesa de Fisterra / Cedida

A alcaldesa de Fisterra, Áurea Domínguez, rexeita as acusacións públicas da comisión executiva do seu partido (Alternativa dos Veciños) e descarta restituír, como lle piden, nos cargos ao concelleiro Francisco Martínez, ao que apartou do goberno despois de votar en contra dos orzamentos o pasado día 7. “Como vou restituír a unha persoa que me foi desleal e que perdeu toda a miña confianza?”, pregúntase.

Subliña que a nota de prensa difundida por AV “non consta asinada por ninguén e está plagada de falsidades”. Quere deixar claro que “a situación creada no Concello de Fisterra, á que se refiren, non foi provocada pola actitude da alcaldesa, senón por pretender o edil Francisco Martínez asumir o papel de alcalde, e polos anceios do asesor (o seu fillo, Juan Francisco Martínez) de gobernar, cando nin sequera se presentou na lista de AV Fisterra”.

Áurea Domínguez asegura ademais que descoñece “en que momento o referido concelleiro e o seu fillo pensaron que eu estaría disposta a ser unha marioneta nas súas mans, e que me ía deixar levar polos seus intereses partidistas, odios e vinganzas persoais”.

Por outra banda, nega que cambiase a pechadura do despacho de Francisco Martínez, como a acusa o partido. “Segue sendo a mesma, é unha mentira máis do que subscribe a nota de prensa de AV”, asegura. Sinala asemade que “a numerosa información que o concelleiro solicitou foille e estalle sendo facilitada a el e á súa avogada polos servizos administrativos do Concello”.

Ademais, a rexedora fisterrá solicítalle ao responsable das redes sociais de Alternativa dos Veciños Fisterra “que explique onde están a democracia e a transparencia das que alardea, cando me ten bloqueada a min e a numerosos veciños nas redes do meu grupo político”.

"Síntome forte e ilusionada"

A pesar da fractura do minoritario goberno de Fisterra (AV, 3 edís, que agora se reduce a 2 ao perder o apoio de Francisco Martínez), a alcaldesa asegura que se encontra “forte e ilusionada como o primeiro día, traballando por Fisterra, por todos os fisterráns e fisterrás, e desexando dar as explicacións oportunas ante a comisión executiva do meu partido”.

Aínda que a gota que colmou o vaso foi o voto en contra do orzamento por parte do edil díscolo, os problemas internos viñan xa de semanas atrás, cando dende o propio partido denunciaron posibles irregularidades de gobernos anteriores no servizo de Urbanismo e a existencia dun seguro privado para os funcionarios do Concello.

De feito, o concelleiro apartado di que non lle permitiron consultar expedientes relacionados “con actuacións irregulares anteriores e actuais por parte da Alcaldía, e Alternativa dos Veciños non veu a Fisterra para continuar con políticas que paralizaron o municipio”.